O Cineclube Pontevedra despide a tempada coa proxección do filme ‘Salvaxe, salvaxe’

30 Maio 2025

O Cineclube Pontevedra despide a tempada coa proxección o martes 3 de xuño de ‘Salvaxe, salvaxe’ (2024), un filme dirixido por Emilio Fonseca e producido por Walkie Talkie Films que procura imaxes e ausencias do lobo ibérico nos montes de Galicia e o norte de Portugal.

Un filme-rastrexo, un anti-documental de natureza producido de maneira sostible, vegana e ecofeminista, que é tamén un convite a reflexionarmos sobre o que significa e implica filmar a vida salvaxe, a cuestionármonos a maneira en que entendemos e tratamos a vida non humana.

Unha experiencia inmersiva e respectuosa no universo do lobo ibérico, cun coidado tratamento sonoro que provén exclusivamente de gravacións de campo realizadas para o proxecto.

O filme foi louvado e galardoado en diversos festivas, enter outras cousas, «pola súa capacidade de suxestión, a través dunha abordaxe inmersiva cun inesquecible deseño sonoro onde o telúrico, o poético, o antropolóxico e o político converxen con fluidez, ofrecendo unha película que reflexiona sobre un dos motivos do noso tempo e revisa o concepto do salvaxe» (Play-Doc).

O pase terá lugar o martes 3 de xuño ás 20.30 h no Teatro Principal, con el remata a tempada de Cineclube ata setembro.

“Cheiras iso?” A cámara entra nos montes da Galiza e o norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. ‘Salvaxe, salvaxe’ rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.

Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os lindes entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. A crise perceptiva xerada por esas dualidades dilúese no recoñecemento da fluidez dos ecosistemas: toda a materia que somos é e será doutras criaturas.

‘Salvaxe, salvaxe’ busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontros (con lobos). Un filme que non elude as implicacións de tomar rexistro do salvaxe, que habita a contradición e afina o instrumento cinematográfico, ético e político que produce imaxes para re-habitar o mundo.

‘Salvaxe, salvaxe’ é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.

  • 27 Festival de Málaga 2024 Biznaga de Prata ao Mellor Documental
  • 20 Festival Internacional de Cine Play-Doc Premio ao Mellor Documental
  • 39 Festival Internacional de Cine en Guadalajara Mención Honorífica – Premio de Cine Socioambiental

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!