Fotograma de ‘Nouvelle Vague’ | Cinetic Media

O Cineclube Pontevedra propón un mes de febreiro adicado aos directores Jean-Luc Godard, Richard Linklater e Paulo Carneiro

2 Febreiro 2026

O Cineclube Pontevedra proxectará o martes 10 de febreiro ‘Nouvelle Vague’ (2025), o novo filme do director estadounidense Richard Linklater (‘Boyhood’, ‘Antes do amencer’…), ambientado a finais dos anos 50 e centrado na rodaxe da icónica ópera prima de Jean-Luc Godard e filme-fito da nouvelle vague francesa, ‘Ao final da escapada’ (1960). Para arroupar a súa estrea, o martes 3 ofrecerá a oportunidade de revisitar o filme de Godard, que volve pasar por salas en nova copia restaurada.

Logo do Entroido, o martes 24, proxectarase o filme de Paulo Carneiro, ‘A sabana e a montaña’ (2024), centrado na loita da veciñanza de Covas do Barroso contra a compañía británica Savannah Resources, que pretende construír a poucos metros das súas casas a mina de litio a ceo aberto máis grande de Europa.

Todas as sesións darán comezo ás 20.30 horas e proxectaranse en versión orixinal subtitulada.


MARTES 3 DE FEBREIRO

‘Ao final da escapada’ ‘(À bout de souffle’, Jean-Luc Godard, 1960Francia, 89 min, VOSE, Lingua orixinal: francés)

Michel Poiccard (Jean-Paul Belmondo) é un exfigurante de cinema admirador de Bogart. Tras roubar un coche en Marsella para ir a París, mata fortuitamente un motorista da policía. Sen remorso ningún polo que acaba de facer, continúa a súa viaxe cara a París, onde atopa a Patricia (Jean Seberg), unha moza americana que vende o New York Herald Tribune nos Campos Elíseos. O que Michel ignora é que a policía está a buscalo pola morte do motorista.

Ópera prima de Jean-Luc Godard e pedra angular da nouvelle vague francesa. «A liberdade absoluta, por veces desconcertante», dicía Belmondo sobre o ton de ‘Ao final da escapada’, filme que revolucionou as regras formais e morais do cinema da época, e propulsou a historia do cinema cara á modernidade.

Oso de Prata á mellor dirección na Berlinale 1960.


MARTES 10 DE FEBREIRO

‘Nouvelle Vague’ (Richard Linklater, 2025, Francia, 105 min, VOSE, Lingua orixinal: francés, inglés)

O novo filme de Richard Linklater recrea episodios clave da eclosión da nouvelle vague, desde a actividade na redacción da Cahiers du Cinéma ata a lendaria estrea de Les Quatre Cents Coups, centrándose na produción da revolucionaria película de Jean-Luc Godard ‘Ao final da escapada’ en 1959.

Divertida homenaxe ao xeito dun making of ficcionado, ateigada de chiscadelas cinéfilas e atravesada polo espírito vital e entusiasta dunha panda de mozos (Godard, Truffaut, Chabrol, Rivette e compañía) irmandados pola súa paixón polo cinema.

Nomeado á Palma de Ouro en Cannes 2025.


MARTES 24 DE FEBREIRO

A sabana e a montaña’ (‘A savana e a montanha’, Paulo Carneiro, 2024, Portugal, 77 min, VOSE, Lingua orixinal: portugués)

Documental híbrido que captura a loita creativa dos habitantes de Covas do Barroso, no norte de Portugal, contra os plans da empresa británica Savannah Resources, que quere construír a mina de litio a ceo aberto máis grande de Europa a poucos metros das súas casas. Ante esta ameaza inminente, a comunidade reúnese para organizarse e expulsar a compañía das súas terras, utilizando actuacións musicais e escenificacións inspiradas no western para visibilizar a súa resistencia.

A través da arte e da solidariedade, a veciñanza non só defende o seu territorio, senón que tamén afirma a súa identidade cultural, loitando por un futuro no que as súas voces sexan escoitadas e respectadas.

Quincena de Realizadores do Festival de Cannes 2024

Premio Tiempo de Historia na Seminci 2024


Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!