O Cineclube Pontevedra volve ao Teatro Principal con varias proxeccións dedicadas ás mulleres pioneiras na cinematografía

3 Setembro 2020

O Cineclube volve ao Teatro Principal o día 14 de setembro. Recuperan as sesións que tiveron que cancelar en marzo: as correspondentes á programación dos martes, así coma as que estaban previstas en colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia, que estarán dedicadas este mes ás pioneiras do cinema Alice Guy e Lois Weber.

Continúan con aforo reducido e as medidas de hixiene precisas para que as sesións se desenvolvan de maneira segura. Os asistentes disporán de xel hidroalcohólico e serán atendidos a través da taquilla, que estará aberta unha hora antes do comezo de cada sesión.

Cartaz Setembro 2020

+info. en facebook.com/cineclubepontevedra/

 

LUNS 14 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


PIONEIRAS DO CINEMA: ALICE GUY (1873-1968)

Sesión de curtametraxes

Lingua: muda, con rótulos en galego.


GREATER LOVE HATH NO MAN

1911, 14 min.

Considerado por moitos coma o primeiro western de orixe francesa. Guy constrúe un relato que, dentro das súas capacidades de versatilidade xenérica, xira arredor dun triángulo amoroso en plena época da febre do ouro.

FALLING LEAVES

1912, 12 min.

O doutor Headley realiza unha proba exitosa contra a tuberculose. Entrementres, a moza Winifred xace na súa casa, na cama, presa dunha enfermidade. É outono e as follas caen. Unha visita oportuna do doutor Headley pode salvar a doente ao tempo que estimula unha historia de amor.

MAKING AN AMERICAN CITIZEN

1912, 14 min.

Un filme avanzado ao seu tempo, capaz de integrar feminismo, loita contra a opresión, inmigración e integración cultural a través da historia dunha parella de europeos susceptibles de se converteren en “bos americanos”.

A FOOL AND HIS MONEY

1912, 10 min.

Alice Guy concibe un título insólito, unha das primeiras películas con elenco integramente afroamericano. Comedia satírica sobre os avatares dunha familia negra de clase media (outro elemento daquela atípico), a lea xorde polo achado dunha cantidade importante de diñeiro.

THE OCEAN WAIF

1916, 36 min.

Millie é levada á beira dunha aldea de pescadores e alí tratada brutalmente por un home sádico, que a obriga a traballar como escrava. Nesa localidade, un célebre novelista namorará dela.

 

MARTES 15 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


FOURTEEN

(FOURTEEN, Dan Sallitt, 2019, 94 min., VOSE)

Lingua: inglés.

Calificación por idades: Non recomendada para menores de 16 anos.

Fourteen acompaña a amizade entre dúas mulleres dende a súa xuventude até a idade adulta. Jo é traballadora social e atopa cada vez máis difícil funcionar no mundo, chegar puntual ás citas ou comprometerse. A súa amiga Mara, que admira a Jo dende o instituto, trata de axudala cando pode, e afástase cando o comportamento errático de Jo se torna demasiado difícil de soportar, nun ciclo aparentemente interminable. Ao longo dunha década, a medida que os traballos, os mozos e os apartamentos van e veñen, o poderoso vencello entre as amigas estírase, mais nunca racha por completo.

Estreada na Berlinale 2019, Fourteen representa un novo episodio na serie de retratos de relacións que habitan a filmografía de Sallit, un dos valores máis sólidos do cinema indie norteamericano, que, malia o seu prestixio internacional, foi até agora un cineasta inédito nas salas comerciais españolas.

 

MARTES 22 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


SINÓNIMOS

(SYNONYMES, Nadav Lapid, 2019, 123 min., VOSE)

Lingua: francés, hebreo, inglés.

Calificación por idades: Non recomendada para menores de 16 anos.

Yoav, un mozo israelí, marcha a París coa esperanza de que Francia e a sociedade francesa o salven da tolemia do seu país. Nada máis chegar á cidade, Yoav queda literalmente nu, sen posesións nin identidade. Renace así dende cero, renegando de Israel e mailo hebreo, e establece unha intricada e sensual relación cos seus benefactores Émile e Caroline.

Cunha posta en escena enérxica e corporal, e unha visión implacable sobre a violencia estatal israelí, Nadav Lapid gañou con esta historia de tintes autobiográficos o Oso de Ouro na Berlinale de 2019. Tamén o Festival de Cinema Europeo de Sevilla recoñeceu a Lapid co Premio á Mellor Dirección, «pola súa enerxía, a procura de novas posibilidades de linguaxe cinematográfica e un cruzamento moi orixinal entre identidade lingüística e persoal».

 

LUNS 28 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


PIONEIRAS DO CINEMA: LOIS WEBER (1979-1939)

THE BLOT

(Lois Weber, 1921, 94 min.)

Lingua: muda, con rótulos en galego

Aínda que non resultou do agrado do gran público, The Blot foi moi ben recibida pola crítica e aínda hoxe é considerada a obra mestra de Lois Weber. A actriz Claire Windsor encarnou o papel protagonista de Amelia Griggs, unha moza bibliotecaria cuxa familia ten graves problemas económicos. Con suma agudeza e concisión estrema, gravando en escenarios reais e con algúns actores non profesionais, Weber constrúe con The Blot un relato sobre a desigualdade económica e de clase.

Directora, actriz, guionista e produtora, Lois Weber foi unha das figuras máis relevantes na era do cinema mudo en EE UU e a primeira muller que dirixiu unha longametraxe. Foi autora exitosas obras, marcadas en ocasións polo polémico dos temas que tratou —do aborto á pena de morte ou o alcolismo—.

Está pasando!