A edil de Deportes, Anabel Gulías | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra abre o prazo de inscrición para as 2.000 prazas das Escolas Deportivas de Promoción Municipal

15 Setembro 2025

  • A edil de Deportes, Anabel Gulías, destacou a incorporación da ximnasia artística como nova modalide a escoller entre as dúas decenas que se ofrecen
  • É posíbel consultar toda a información a través da web deportes.pontevedra.gal

O Concello de Pontevedra, a través da área de Deportes, vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para as 2.000 prazas dispoñibles nas Escolas Deportivas de Promoción Municipal. Estas escolas ofrecen unha ampla variedade de 20 modalidades deportivas diferentes que se practicarán ao longo do presente ano escolar.

A edil de Deportes, Anabel Gulías, subliñou que os destinatarios destas actividades son nenas e nenos en idade escolar, con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos. O obxectivo principal do programa é a promoción e a práctica da actividade física como un estilo de vida saudable, ademais de ser un complemento excepcional para a conciliación familiar.

«Para nós, este tipo de actividades son un proxecto moi exitoso», afirmou Anabel Gulías. «Permítenos colaborar directamente con clubs da nosa cidade, e nesta edición serán 32 clubs deportivos os que se sumarán ao programa para achegar a súa experiencia e, sobre todo, para achegar as nenas e os nenos a diferentes experiencias e modalidades deportivas».

As actividades desenvolveranse en 24 espazos do municipio, a maior parte deles de carácter público, aínda que tamén se colabora con diferentes entidades, como a Fundación Rías do Sur. A maioría dos horarios serán entre semana pola tarde, se ben este ano, como en edicións anteriores, haberá algunhas modalidades os sábados polas mañás. A periodicidade das clases será de unha hora, dúas veces por semana.

A matrícula, como xa é habitual nos últimos anos, realizarase directamente a través dos clubs, cuxos teléfonos de contacto e páxinas web están dispoñibles na web municipal. O Servizo Municipal de Deportes tamén está a disposición para atender calquera dúbida ou recollera suxestións.

En canto ao custo, a actividade está maioritariamente financiada polo Concello de Pontevedra cunha partida de 250.000 euros. Os clubs cobran unha cota anual reducida, que na maioría dos casos é de 50 €, podendo chegar ata os 70 € dependendo da modalidade deportiva.

Entre as 20 modalidades deportivas ofertadas, atópanse moitas xa coñecidas como balonmán, bádminton, baloncesto, xadrez, wáter-polo, tenis de mesa e tenis. A gran incorporación deste ano é a ximnasia artística, que a concelleira considera «un moi bo complemento para a nosa oferta».

Toda a información detallada, incluíndo horarios e os datos de contacto de cada club, xa está dispoñible na web municipal. O inicio oficial das actividades será o 1 de outubro.

Máis información en deportes.pontevedra.gal

Está pasando!