Anabel Gulias na presentación do V Premio Literario Pinto e Maragota | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, convoca a V Edición do Premio Literario Pinto e Maragota

27 Xuño 2025

  • O certame ten como finalidade visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero
  • As obras presentadas deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero

O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, pon en marcha a V Edición do Premio Literario Pinto e Maragota. Un certame que celebra o seu lustro de vida mantendo o obxectivo de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero.

As persoas interesadas en participar no concurso deberán presentar unha obra que poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. Ademais, deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero.

No caso de optar por novela ou obra dramática para o público adulto, o texto deberá ter un extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para público adulto, sería un mínimo de 500 versos, de forma libre.

As obras para o público infantil non terán extensión mínima requerida. A data límite da recepción de orixinais é o 24 de xullo ás 23.59 horas.

Establécese un único premio de tres mil (3.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas e fará efectivo o Concello de Pontevedra.

As persoas participantes enviarán os traballos en formato PDF por correo electrónico, co asunto: “Para o V Premio Literario PINTO E MARAGOTA”, ao enderezo electrónico: [email protected]

Deberanse incluír no correo electrónico dous arquivos:

– Un co orixinal, que deberá ser presentado baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a.

– E outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta.

O premio outorgarase tendo en conta en xeral o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma.

Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer, en envíos separados.

Calquera dúbida sobre o contido desta convocatoria será atendida polo Centro de Información á Muller (CIM) e en [email protected].

Podedes descargar as bases no seguinte enlace: ponte.gal/bases-premio-pinto-e-maragota

Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas “Cobiza” da recoñecida escritora María Reimóndez, “Estranxeiras” da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro, o poemario “Todo o que doe”, de Carmen Caramés Gorgal e, na máis recente convocatoria a novela “Askja” do escritor coruñés Antonio Manuel Fraga, obra que se acaba de publicar recentemente e que presentará, nun vermú literario na Festa dos Libros que se celebrará a semana próxima na Ferraría.

A convocatoria deste premio, senlleiro no país e referente a nivel estatal, coincide coa celebración das actividades de Orgullo PTV e da Mostra Internacional de Cine LGBTIQA+ Ambienta, nun apoio manifesto por parte do Concello de Pontevedra de apoiar e visibilizar a diversidade no mes do Orgullo e no conxunto do ano.

Está pasando!