O Convento de Santa Clara

27 Xullo 2020

Oito séculos de historia respaldan este cercano e á vez descoñecido convento de clausura.

A FUNDACIÓN

A desaparición de documentos ao longo dos séculos deixa algunhas lagoas na historia do convento, pero está claro que a data da súa fundación foi en 1271 e que a igrexa que hoxe vemos levantouse con posterioridade, rematándose no s.XV.

A chegada das clarisas a Pontevedra no século XIII inscríbese na política de expansión das ordes mendicantes que nese momento estábase a levar a cabo en Galicia. En menos de vinte e cinco anos aséntanse na vila os franciscanos, os dominicos e as clarisas.  O dinamismo dos grupos sociais pontevedreses e as súas doazóns conferíanlles a estes grupos a seguridade para desenvolver as súas empresas conventuais. A excepcionalidade desta triple presenza nunha vila galega xunto coas espléndidas construcións dan mostra da gran puxanza económica e social que vive a cidade nestes momentos sobre todo grazas á industria pesqueira e que durará ata o século XVI.

O EDIFICIO CONVENTUAL

A finais do século XIII comeza a construirse o templo grazas ás numerosas doazóns privadas e foi ampliado ao longo dos séculos XIV e XV. De estilo gótico, presenta unha nave rectangular sen cruceiro e unha ábsida poligonal, máis alta e estreita que a nave con cuberta de madeira. Dentro da austeridade da fachada norte da rúa resaltan as portas, en especial a máis alonxada da ábsida, decorada con arquivoltas sobre columnas pareadas e un tímpano coa representación do Xuízo Final. Tamén chama a atención unha pequena escultura de Santa Clara de Asís e os variados modillóns baixo a cornixa con representación de animais e cabezas humanas.

O emprazamento do convento converteuse dende o principio en referencia no crecemento urbanístico de Pontevedra. O feito de estar situado a carón dunha das portas da muralla e a carón do camiño de Castela non é casualidade.

OS DOMINIOS

Por dicilo de modo sinxelo, as clarisas (tamén chamadas clarisas pobres ou descalzas) son o equivalente feminino da orde franciscana. Unha orde mendicante que ofrece unha nova perspectiva relixiosa difundindo a figura dun Cristo pobre, máis próximo ao cidadán común; non obstante esta imaxe non entra en conflicto con que ao longo da súa historia, o convento de Santa Clara configurase un sustancioso patrimonio rural e urbán. Tan só o recinto de clausura abrangue máis de 12000 metros cadradados onde se sitúan a igrexa, as dependencias privadas e un pequeno cemiterio. Xunto a estas edificacións e coma se pode apreciar na primeira fotografía as clarisas tiñan as hortas, zona de vides, laranxos e maceiras e unha zona frondosa que as propias monxas chamaban “o bosque”.

Dispuñan de bens por todo o territorio que hoxe é coñecido como Rías Baixas e entran en “competencia” coas comunidades relixiosas de San Francisco, San Domingos, San Bieito de Lérez, os benedictinos do mosteiro de Poio e os bernardos da Armenteira, entre outros. Os dominios do convento medran a medida que Pontevedra se desenvolve economicamente.

Dotes, doazóns, compras ou cambios eran necesarios para garantir o sustento das monxas e facer así posible unha das súas principais normas, a reclusión perpetua. Ademáis, relacionarse con Santa Clara era unha forma de medrar socialmente e, indirectamente, obter beneficios económicos; sendo o recurso máis empregado tentar ser nomeado un dos vinte cabaleiros de Santa Clara, o cal eximía de obrigacións fiscais.

Centeo, trigo, galiñas, porcos, cabritos…son algúns pagos que se lle facían ao convento e que se recollen nos seus documentos. As dotes foron un dos principais apoios económicos do convento ata o s. XIX, pois dende a súa fundación convértese en lugar de acollida para as fillas solteiras da oligarquía da vila; sempre previo pago dunha elevada suma de diñeiro. Durante a Idade Media e a Idade Moderna, boa parte das monxas de Santa Clara procedían das mellores linaxes da sociedade galega, que á súa vez gozaban do status máis alto dentro do grupo, sendo atendidas por monxas con menor rango ou novicias.

O control que tiña o convento respecto á toma do hábito conleva a superación dun cuestionario que se adxuntaba á licenza que o arcebispo de Santiago de Compostela tiña que conceder para tal fin. Era un trámite máis, e realizábase tras un ano de noviciado, pero para pasar esta proba os pais e avós da aspirante tiñan que ser “cristiáns vellos”, non podían descender de mouros ou xudeos; non podían ter sido castigados pola Santa Inquisición; non podían ter algún oficio baixo que se reputara por vil; e tiñan que ser libres.

As clarisas participaron activamente na intensa economía urbana ao longo da súa historia, por exemplo aforando o destacable patrimonio urbán que posuían a persoas de distinta clase social: mareantes, mercaderes, prateiros, xastres, notarios, avogados… As casas e hortas localizábanse nas zonas máis importantes da cidade, principalmente entre a praza da Ferrería e a igrexa de San Bartolomeu. Tamén no arrabal de Santa Clara, a chamada Feira Vella, ou no próspero barrio da Moureira.

A contabilidade do convento foi levada por un fraile de San Francisco ata 1720, pero debido aos problemas financeiros e ao control dos foros, as monxas pasan a controlar as súas rendas directamente. Ao longo dos séculos o incremento de gastos ía paralelo ao incremento de ingresos. A incesante medra de gastos na comunidade en concepto de manutención trocouse no século XIX en pagos de trámites burocráticos para confirmar a lexitimidade do seu patrimonio en plena Ilustración, ata que a desamortización de Mendizábal e a posterior de Pascual Madoz descompoñen as súas posesións.

POR MOMENTOS DEHABITADO…

As monxas non sempre estiveron no convento… en 1719 as corenta monxas que había refuxiáronse en Santiago de Compostela, por mor da invasión inglesa. Durante a Guerra da Independencia tiveron que resgardarse nas casas de familiares; atopándose ao seu regreso, en 1807, co convento saqueado e parcialmente queimado. En 1868 tiveron que marchar a Tui e permaneceron alí uns anos mentres no convento se aloxaban os nenos do Hospicio, ata que o arcebispo de Santiago logrou que Afonso XII devolvese o edificio ás monxas. E foi este arcebispo, Miguel Payá y Rico, quen mandou construir a casa-pazo anexionada ao convento que podemos ver na actualidade, como residencia para o capelán, o sacristán e a mandadeira.

En Setembro de 2017 o cenobio de clausura pechou as súas portas tras oito séculos habitado (nos tempos de máis auxe por entre cincuenta e sesenta monxas).

A TRADICIÓN DE LEVAR OVOS A SANTA CLARA

Durante o século XVI a comarca de Pontevedra viuse afectada por oscilacións climáticas que repercutiron nas colleitas e provocaron desabastecemento de alimentos. Cando o tempo era extremo, ben por facer moito frío ou calor, secas ou moita chuvia… o Concello convocaba á poboación para sacar en procesión á patroa da vila, Nosa Señora do O, dende a desaparecida igrexa de San Bartolomeu o Vello ata Santa Clara, onde se realizaba unha misa na súa honra grazas ás esmolas recollidas.

Co tempo isto rematou por converterse na tradición de entregar esmolas en especie (normalmente ovos) ás monxas clarisas cada vez que se desexaba un día soleado, especialmente con motivo da celebración de vodas.


 

Está pasando!