O director Eduardo Casanova presenta mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra a súa película ‘La Piedad’ e adianta o trailer da súa nova produción

3 Outubro 2024

  • Arranca a primeira das actividades previas dos Premios Feroz 2025, cuxa gala se celebrará o próximo 25 de xaneiro no Pazo da Cultura
  • As entradas poden sacarse de balde na oficina de Turismo da praza de España, e cinco minutos antes da proxección permitirase a entrada libre até completar capacidade

Mañá, venres 4 de outubro, Eduardo Casanova visitará o Pazo da Cultura de Pontevedra na primeira das actividades previas dos Premios Feroz 2025 (o próximo 25 de xaneiro celebrarase a gala).

Casanova presentará a súa película ‘La Piedad ‘, que protagoniza Ángela Molina e que foi o título gañador en 2022 do Premio Feroz Arrebato de ficción.

Tras a proxección, sobre as 20:25 horas, celebrarase o coloquio de Casanova co público asistente, moderado polo xornalista e produtor de executivo dos Premios Feroz David Carrón.



Con esta cita comeza unha ampla programación que se estenderá ao longo de todo o outono e que convocará na cidade a algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas. As citas xa anunciadas serán os días 16, 23 e 30 de outubro con Lois Patiño, Víctor Iriarte e Paula Ortiz na Facultade de Comunicación. Coloquios e proxeccións de películas gañadoras e nomeadas aos Premios Feroz Arrebato nos dous últimos anos, categoría que busca recoñecer obras polos seus especiais logros artísticos e/o achegas innovadoras.

As actividades previas continuarán en novembro con novas convocatorias e propostas. Xa en decembro e xaneiro, tras anunciarse os nomeamentos aos Feroz 2025 e unha vez que se coñeza a personalidade distinguida co Feroz de Honra, proxectaranse algunhas das películas e series con opcións de facerse cunha figura na gala do 25 de xaneiro, e un ciclo especial dedicado ao premio honorífico desta 12ª edición.



Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi — Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.

A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morais.

Está pasando!