Anabel Gulías na prensentación da nova tempada de O Ganapán | Concello de Pontevedra

O Ganapán iniciará este mes a súa décima tempada no Mercado de Pontevedra

3 Setembro 2025

Este espazo, impulsado polo Concello de Pontevedra, procura ofrecer un lugar onde as crianzas se acheguen á cultura do mar, da terra e ao propio Mercado; traballando e creando con produto galego fresco e de proximidade


A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou a nova tempada de O Ganapán, un dos proxectos máis consolidados e exitosos vinculados ao Mercado de Abastos de Pontevedra, que este ano celebra o seu regreso cunha proposta renovada e ambiciosa.

Gulías destacou que o Ganapán está a piques de cumprir 10 anos de proxecto, sendo un espazo creado especificamente para achegar ás crianzas «á cultura do mar, da terra e ao propio mercado».

A iniciativa busca inculcar desde idades temperás a importancia do comercio de proximidade, o consumo de produto galego e fresco, e a compra consciente, contribuíndo así á revitalización tanto do comercio local como do Mercado de Abastos de Pontevedra.

A nova tempada articularase ao redor de dúas actividades principais: os obradoiros lúdicogastronómicos da fin de semana e as visitas escolares.

Os obradoiros, altamente demandados, comezarán o 13 de setembro e celebraranse os sábados.

Este venres, 5 de setembro, informarase nas redes sociais do Ganapán das normas de inscrición para o primeiro deles. Haberá seis prazas por sesión, que verán o seu inicio ás 12.00 horas, dirixidas a crianzas de entre 4 e 10 anos. Terán unha duración de hora e media.

Como adianto da programación, haberá un obradoiro de pan de pasas e noces, ademais dun obradoiro adicado ás sandías, que tamén funcionará como un espazo de reflexión e creación artística na relación desta froito como símbolo do pobo palestino.

Doutra banda, as visitas escolares están dirixidas a centros de ensino Infantil e Primaria, e desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro, ofrecéndose un total de 25 visitas. O Concello contactará cos centros para logo abrir un período de inscrición.

A concelleira subliñou que o obxectivo principal é que os nenos e nenas se acheguen até o Mercado, experimenten, xoguen e pasen un bo anaco alí, ao mesmo tempo que se agarda que os pais e nais aproveiten para facer as súas compras, contribuíndo activamente á revitalización deste singular espazo.

A concelleira tamén recoñeceu o esforzo considerable para volver a poñer en marcha o Ganapán de forma periódica e destacou o investimento realizado na planta baixa do mercado durante os dous primeiros anos do actual mandato, con cambios nos tanques de auga e canalizacións.

Está pasando!