Sara Pérez Outeda, creadora da curtametraxe ‘O mar non esquece’

‘O mar non esquece’, a curtametraxe que evidencia o talento creativo da vilaboense Sara Pérez Outeda

16 Maio 2025

O traballo, premiado no certame ‘Ben Veñas, Maio!’ recurre ao entorno das Salinas para remover conciencias co tema da represión


A Sara Pérez Outeda, unha moza de 16 anos e veciña de Paredes, este curso escolar tíñalle agochada unha sorpresa inesperada: o primeiro premio do certame de Normalización Lingüística ‘Ben Veñas, Maio!’ na categoría de curtametraxes organizado polo Concello de Pontevedra para o seu traballo ‘O mar non esquece’.

Inspirándose neses primeiros anos da posguerra, que so coñece a través das súas asignaturas escolares e tal vez nalgunha charla sobre Memoria Histórica Sara Pérez Outeda conseguiu dar vida a un relato que transcende xeracións.

Cursa 1º de Bacharelato no IES Torrente Ballester e foi a súa profesora de Lingua Galega quen lle deu o primeiro empuxón para que se decidira a crear sementando quizais sen sabelo o xermo dunha paixón que hoxe xa medra con forza no corazón da moza creadora. A súa obra, de cinco minutos de duración, destila autenticidade en cada fotograma; un traballo que ela mesma guionizou, produciu e gravou, contando coa complicidade da súa amiga Alma Gallego e o apoio dunha familiar no papel de avoa.

Sara Pérez Outeda, creadora da curtametraxe ‘O mar non esquece’

“Quería contar unha historia auténtica, que falara de nós, de Galicia” confesa Sara orgullosa do recoñecemento conseguido. A súa curtametraxe narra o descubrimento por parte dunha moza dun segredo familiar silenciado durante décadas: a desaparición da súa tía avoa a mans da represión franquista por dedicarse á medicina alternativa, unha práctica que naqueles tempos escuros podía ser motivo de persecución.

Con moita delicadeza, Sara constrúe unha viaxe emocional onde a protagonista, rebuscando entre os recordos da avoa, atopa pistas que a conducen ata a casa familiar, que a emerxente cineasta sitúa simbólicamente nas ruínas industriais da Granxa das Salinas. Un escenario desolador pero cheo de forza, onde os muros derruídos falan de vidas interrompidas e soños quebrados.

“Escollín este entorno por proximidade e tamén porque as ruínas representan como a memoria pode deteriorarse pero nunca desaparecer por completo”, explica Sara. “Sempre quedan pegadas, anacos que podemos rescatar”.

Lamenta non ter contado con mellores equipos para facer algo máis profesional e agradece que a súa amiga Alma lle cedese a súa cámara e ata o portatil para poder editar. Porén, quizais sexa precisamente esa realidade, esa honestidade visual, a que conseguiu conectar co xurado e cos espectadores.

Entre agradecementos, Sara destaca o apoio incondicional dos seus pais e do seu entorno familiar, alicerces fundamentais no seu camiño creativo. O premio non só supón un recoñecemento ao seu talento, senón tamén un punto de inflexión na súa traxectoria vital.

Con determinación, Sara confesa sentirse “con forzas e ganas” para orientar o seu futuro cara o mundo da comunicación audiovisual. “Quero contar historias que removan e emocionen” porque esta prometedora creadora, xa sabe que as historias máis íntimas son, ás veces, as máis universais.

Está pasando!