Festa da Auga 2024 | Concello de Vilagarcía de Arousa

O pregón a cargo de Gus Andújar e o concerto da banda tributo ‘+dMANÁ’ abrirán a programación de San Roque en Vilagarcía

14 Agosto 2025

  • Vilagarcía entra hoxe de cheo na celebración das Festas de San Roque coa lectura do pregón a cargo do deportista vilagarcián Gus Andújar, e o concerto da banda tributo ‘+dManá’.
  • A intensa programación, que se estende ata o 24 de agosto, contempla máis de medio centenar de actividades culturais, teatrais e musicais.
  • O alcalde, Alberto Varela, sinalou que “non hai ningún concello que teña unhas festas tan longas e completas como o noso”, cun calendario “variado e descentralizado” que vai dirixido “a todos os públicos”.

Gustavo Andújar sairá ao balcón de Ravella ás 20:30 horas, cando se darán por inauguradas as festas patronais. “A súa figura é parte fundamental da historia deportiva da cidade”, apuntou Varela.

Os seus primeiros pasos neste eido comezan no clásico Liceo Marítimo e, aínda na categoría cadete, forma parte dos primeiros equipos dunha alianza con outro dos tradicionais clubs da vila, o Basket Base Club.

Tras o seu paso pola categoría júnior, xa no BBC entra a formar parte do equipo sénior, que daquela estaba na primeira división autonómica.

En 1997, con Gus aínda como sub-22, o club da o gran salto á Liga EBA, onde permaneceu doce temporadas. En 2009 o vilagarcián deixa o deporte en activo. Aínda que sempre continuou ligado ao mundo do baloncesto, foi no ano 2020 cando Luís Gabín contou con el para un novo proxecto sénior con xogadores moi novos, xa baixo as siglas CLB.

Esta temporada a súa pegada volveuse aínda máis profunda ao lograr o ascenso á Terceira FEB.

Tras a lectura terá lugar a ofrenda floral a San Roque. Agrupacións sociais, culturais e musicais participarán nun desfile que culminará diante da igrexa parroquial. O percorrido sae dende o Concello, continúa polos xardíns de Ravella, rúa Ramón y Cajal, praza de Galicia, Castelao, Xeneral Pardiñas, Covadonga e finaliza en praza de España.

Xa pola noite, a banda tributo ‘+DManá’ inaugura a programación musical cunha actuación que promete ser de altura, e que comezará ás 22:00 horas na avenida da Mariña. A veterana agrupación presenta o seu novo espectáculo “¿Dónde jugarán los niños?” co que facer un viaxe no tempo e revivir os grandes himnos da historia dos reis do rock latino.

O grupo interpretará os clásicos “Vivir sin aire”, “Corazón espinado”, “Clavado en un bar” ou “Rayando el Sol”, entre moitos outros. Ao igual que as outras actuacións de San Roque, a entrada é libre e de balde.

A música non deixará de sonar no mes de agosto. ‘Intro Cover’ e ‘Festicultores’ estarán animando as rúa o venres; ‘Arousa Bay’ fará o propio o sábado no Salón García; o carrilexo Cristian Silva actuará no Auditorio o domingo, que será a xornada na que a avenida da Mariña acolla a Orquestra Saudade.

O luns 18, concerto lírico con Ainhoa Arteta no parque da Xunqueira; ao día seguinte será a quenda de ‘Toreros Muertos’; o mércores 19 colle o relevo David Bustamante; o xoves Marlena porá a bailar ao público no parque da Xunqueira; o venres 22 actuará o galego Mondra, e a continuación farao a pincha-discos ‘Señora DJ’.

A noite do Combate Naval a música corre a cargo do Grupo América; e o domingo 24 actuarán as Cantareiras Bulideiras na Alameda.

Está pasando!