O trolebús

26 Xullo 2020

Aínda que na actualidade os autobuses a gasoil fan a mesma ruta e teñen practicamente as mesmas paradas, os desaparecidos troles xunto cos seus predecesores os tranvías tiñan algo especial e durante moitos anos, amodiño, fixeron camiño na nosa historia local.

Todos os que montaron nestes aparellos saben que non eran o último en tecnoloxía nin en equipamento, nin a súa puntualidade era inglesa (aínda que algúns viñeron de Londres)… pero é que se o noso trole fose perfecto perderíanse infinidade de anécdotas curiosas.
Co seu sombreiro de cowboy subía o entrañable John Balan e dirixíndose cara a parte traseira do trole comezaba a súa actuación interpretando guións improvisados ou tocando algunhas das súas orixinais pezas musicais:
“Señores pasajeros, ante todo muy buenas tardes. Con permiso del señor conductor, quiero amenizarles este trayecto from Marín to Pontevedra City, con el pasodoble que lleva por título Don’t let your hair down: No te sueltes la melena”.
Doutra época son anécdotas provocadas polos continuos cortes de electricidade, deixando á mole de ferro sen enerxía aparcada a un lado da estrada durante certo tempo. Os rapaces menores de 6 anos non pagaban, os que se coaban pola porta de atrás tampouco, e os que tiñan que pagar pedían picaramente o billete para paradas que estaban antes do seu destino.

O TRANVÍA A VAPOR
As historias do trole comezaron a circular o día que o primeiro tranvía a vapor partiu de Pontevedra cara Marín.

 

 

 

 

 

 

O 12 de xuño de 1889 comezan os traballos de construción da primeira liña que cunha lonxitude de 7,1 km uniría Pontevedra e Marín.O inicio da liña estebleceuse na estación de Ferrocarril de Pontevedra a Redondela, con estacións intermedias en Lourizán e Estribela, atravesando Marín por “Calle de la Reina” e rematando na Praza do Muelle. Posteriormente ampliouse ata o almacén de mercadorías que se construíu no Dique do Oeste.
O insuficiente mantemento da liña e debido a que gran parte do percorrido era en curva producía frecuentes descarrilamentos. A desconfianza e temor entre os usuarios conlevou un descenso notable do seu uso ata que en 1917 se proxectou a súa electrificación.

O TRANVÍA ELÉCTRICO
O 30 de abril do ano 1923 constitúese Tranvías Eléctricos de Pontevedra S.A., empresa destinada a construír a liña para un tranvía eléctrico entre Lérez, Pontevedra e Marín; con ramais á lonxa de Estribela e ao Dique do Oeste, pois non hai que esquecer que ademais de dar servizo a pasaxeiros, outra das súas funcións era o transporte de mercadorías, en especial de peixe procedente do porto de Marín.
O 12 de febreiro do ano 1924, circulou o último tranvía a vapor, dando paso ao seu homólogo eléctrico.
Procedeuse entón á instalación dunha liña aérea de electrificación e á ubicación das cocheiras, os talleres e a subestación transformadora en Ponte Muíños (Lourizán).
En decembro dese mesmo ano reábrese o servizo de transporte. O percorrido urbán polas rúas de Pontevedra comprendía dende o antigo barrio do Burgo, atravesando o barrio de Lérez, Arcebispo Malvar, praza do Concello, Michelena, Praza da Peregrina, rúa da Oliva, ata saír cara a estrada de Marín. Non obstante os problemas por mor das averías e os cortes de electricidade eran habituais.

O TROLEBÚS
O 15 de decembro de 1943, coa estrada de Pontevedra a Marín xa remodelada, empezaron a funcionar as seis primeiras liñas de trolebús que unirían Pontevedra e Marín a unha velocidade máxima de 60 km/h.
Coñecidos popularmente coma chinos, o destino inicial destes novos medios de transporte era a cidade de Cantón, en China, de aí o seu alcume.

O 7 de xaneiro de 1955 inaugúrase a liña Pontevedra-Lérez, que se ampliaría catro anos despois ata Alba. Non foi ata o ano 1961 cando se renovou o modelo de trolebús. Un barco procedente de Londres foi o encargado de transportar ata o Porto de Marín os oito primeiros troles modelo Q1 de dous pisos, que circularon polas nosas estradas.
En 1977 estes troles de dous pisos son substituídos por outros de segunda man procedentes de Barcelona e Valencia, cidades nas que funcionaron ata que o servicio foi suprimido.

O 31 de agosto do ano 1989 foi o último día que circularon os troles por estas terras. Algún deles descansa hoxe en día nas cocheiras da Associació d´Amics del Ferrocarril de Barcelona.


 

Está pasando!