O Pazo de Lourizán

27 Xullo 2020

UN TERREO DE MAN EN MAN

O Pazo de Lourizán, a escasos tres quilómetros de Pontevedra e semiagochado dentro da súa propia finca, foi adaptándose aos tempos mantendo a súa monumentalidade e conservando un xardín de 54 hectáreas que se converteu nunha auténtica xoia da botánica.

Da conversión do lugar en granxa no século XV só se conserva un pombal ameado, pero buscando antecedentes máis recentes da súa propiedade atopamos que a chamada Casa de Campo e finca no Monte do Sino foron propiedade do Marqués de la Sierra. En 1791, Francisco Genaro Ángel adquire o lugar tras uns anos nos que lle fora aforado por Ramón Patiño, Marqués de Castelar y de la Sierra. Máis tarde, tras caer os seus propietarios na bancarrota, é adquirida en poxa pública por un descoñecido Sr. Marco, e tempo despois o Sr. Pulgar recibiría a propiedade como herdanza. Pero o seu propietario máis coñecido e ao que se lle debe o ome actual do lugar foi Eugenio Montero Ríos.

EUGENIO MONTERO RÍOS

Sendo un xove catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e posuidor dun terreo lindeiro que lle fora entregado como pago polos seus servizos como avogado, en 1876 arrenda as fincas chamadas por entón Granxa da Serra e o Monte do Sino por 25.000 pesetas, para tres anos máis tarde mercalas por 60.000 pesetas. A estas propiedades sumoulle o Monte Rodo chegando así a posuír as 52 hectáreas que constitúen actualmente a finca.

A Granxa da Serra, circundada entón por un muro de pedra, estaba integrada pola casa principal, remodelada posteriormente por Montero Ríos, un hórreo de oito pares de pés datado do século XVIII, un muíño e o pombal. Ademais, na extensión destas propiedades incluíase a illa de Tambo (vendida ao Estado en 1943) onde Montero Ríos organizaba populares cacerías de coellos. De alí procede a pedra da monumental mesa, de varios metros de lonxitude que hoxe se pode ver a carón do palacete.

O popular avogado e político mantiña o lugar como residencia de verán, quedando a ría e as praias, hoxe desaparecidas, fronte ao portalón de entrada á finca. O lugar pronto se converteu en centro político e social da Restauración.

O PALACETE E A CONTORNA VEXETAL

O maxestuoso edificio decimonónico, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, descóbrese entre a exuberancia do bosque ao final do sendeiro. A súa orixinal mestura de clasicismo modernista, coa gran escalinata imperial e terraza superior, cos seus grandes ventanais e as estatuas de inspiración clásica, dotan ao edificio de certo aire romántico.

No camiño de acceso dende a entrada da finca sucédense curiosas fontes coma as da Concha (s. XVIII), a fonte dos Tornos (s. XVII) con lavadoiro e a peculiar Fonte dos espellos do século XIX. Esta última foi elaborada a modo de pseudogruta feita en cemento. Este material empregouse tamén noutras pezas na contorna do pazo (varandas imitando ramas) e non supón falta de gusto ou diñeiro por parte do propietario senón todo o contrario. Tal era a riqueza de Montero Ríos que podía permitirse seguir a moda do momento: o emprego dun material revolucionario como era o cemento para “adornar” a súa finca con pezas que imitaban á natureza.

O espazo vexetal, ideado a finais do século XIX por especialistas franceses mantén a súa estrutura orixinal. A través dun sendeiro que leva ao regato do Trois pódense observar especies exóticas tendentes ao orientalismo: cipreses, araucarias, cedros, magnolias, camelias… No recinto tamén destaca o gran invernadoiro de deseño modernista en ferro e cristal, único en Galicia polas súas dimensións. E como resquicio da vida agraria queda unha parte destinada ao cultivo da vide.

O CENTRO DE INVESTIGACIÓNS AMBIENTAIS E FORESTAIS

A principios da década de 1940, os herdeiros de Eugenio Montero Ríos venden a finca á Caixa de Aforros Provincial, que tras mercar unha parte que permanecía en propiedade dunha filla do político véndella á Deputación Provincial de Pontevedra. En 1946 convértese en Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Montes e actualmente é a Xunta de Galicia a que xestiona a propiedade, ubicándose alí o Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán.

En tódalas épocas do ano, pero especialmente en outono, este rincón ubicado na parroquia pontevedresa de Lourizán ofrece unha paisaxe de cores pardas e certo misticismo para o desfrute do paseante.

  • O edificio do Pazo non é visitable.
  • Entrada gratuíta aos seus xardíns.

Está pasando!