Presentación das citas culturais impulsadas por asociacións locais de Poio | Concello de Poio

Poio énchese de vida esta fin de semana con citas impulsadas por asociacións en Raxó, na Renda e Samieira

18 Setembro 2025

  • A Comisión de Festas organiza no Peirao de Raxó a celebración na honra da Virxe do Carme e da Saleta, con música, tradición, actividades para os máis pequenos e actos litúrxicos durante toda a fin de semana.
  • O sábado no campo da Renda, a Armadiña organiza a súa tradicional Romaría, con xogos populares, agrupacións musicais e premio ao mellor mantel.
  • O Galo Bruxo de Samieira organiza tamén o sábado a Xornada Cultural, coa actuación do grupo folk Acorde Son do Verdugo.

Poio prepárase para vivir unha fin de semana intensa, con actividades culturais, festivas e tradicionais que se reparten por distintas parroquias do municipio. Raxó, A Renda e Samieira serán escenario de celebracións que combinan música, gastronomía, actividades para todos os públicos e moita participación veciñal.

As tres citas, todas elas impulsadas por asociacións locais e coas que colabora o Concello de Poio, reflicten o dinamismo e o compromiso do tecido social do municipio coa cultura, a tradición e a convivencia.

FESTAS DA VIRXE DO CARME E DA SALETA EN RAXÓ

Raxó acollerá ao longo de toda a fin de semana as festas na honra da Virxe do Carme e da Saleta, organizadas pola Asociación Cultural de Festas de Raxó.

A programación desenvolverase no Peirao, entre o venres e o domingo, e incluirá verbenas, actividades infantís, propostas tradicionais e actos litúrxicos. Unha cita consolidada que cada ano reúne a centos de persoas e que mantén viva a identidade mariñeira da parroquia.

Así, o inicio de festa será o venres, ás 21.00 horas, coa Batucada Os Queimatasas, mentres que o sábado 20, o día comezará coas alboradas da Escola Tradicional de Poio e do Grupo Vides Novas.

A misa solemne, cantada polo Coro Virxe da Fátima de Campelo e procesión, será ás 13.00 horas. A tarde destinarase para as familias, coa exhibición e festa infantil co grupo de teatro Tarabelo e o grupo Skandall.

A verbena estará amenizada polas orquestras Alkar e Dolce Vita, que darán paso aos fogos de lucería.

Xa o domingo, as alboradas polas rúas correrán a cargo da Escola Tradicional de Poio e do grupo Folk Os de Ningures. A misa solemne co Coro Aires de Triana e a procesión marítima coa Charanga 112 será a partir das 17.00 horas. Pola noite, a orquestra Marbella animará a festa.

ROMARÍA DA RENDA CON MÚSICA, TRADICIÓN E XOGOS POPULARES

Por outra banda, o sábado será tamén día grande no campo da Renda, onde a ACDeM Armadiña celebrará unha nova edición da súa popular Romaría.

Esta xornada festiva mestura tradición, xogos populares, xantar coas as actuacións de Maravallada e da Escola de Música Tradicional de Poio e co xa clásico premio ao mellor mantel, que recoñece a creatividade e o ambiente.

A xornada comezará ás 11:30 horas cunha saída desde a Praza da Chousa, acompañada pola música das pandereteiras da asociación.

XORNADA CULTURAL CON MÚSICA FOLK E CHOURIZADA EN RAXÓ

Tamén o sábado, a ACD Galo Bruxo de Samieira organiza a Xornada Cultural na praza Alfredo Romay (17.00 horas).

Terá como punto central a actuación do grupo folk Acorde Son do Verdugo, nunha iniciativa que busca poñer en valor a música de raíz e dinamizar a vida cultural da zona. Acompañarase cunha chourizada de balde.

Desde o Concello e as entidades organizadoras, convídase á veciñanza e visitantes a desfrutar dunha fin de semana na que Poio amosa a súa diversidade, a forza do seu asociacionismo e o compromiso coa tradición, a cultura e a participación.

Está pasando!