Ponteatro regresa entre o 20 de febreiro e o 3 de abril con 6 propostas arriscadas de teatro, danza, humor, xénero musical e monicreques para público adulto

3 Febreiro 2025

  • Nesta edición, cabe destacar o diálogo entre xéneros teatrais e entre compañías galegas e de fóra do país.
  • Ron Lalá, Redrum, El espejo negro, Ibuprofeno Teatro, a compañía de danza Fran Sieira e a agrupación teatral do IES Illa de Ons de Bueu subirán as táboas do Teatro Principal e o Pazo da Cultura nos próximos meses.
  • Todos os espectáculos terán lugar os xoves ás 21h. a excepción de ‘Os miserábeis’ que, ao formar parte do programa do Salón do Libro, terá lugar ás 19h. do venres 28 de marzo a un prezo de 3 euros.
  • As restantes propostas contarán co prezo habitual de 8 euros e reducido de 4 euros para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65 anos.
  • Xa está activa a venda en Ataquilla.com tamén do formato abono que oferta o total dos 6 espectáculos a un prezo de 26 euros máis gastos.

O concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá unha nova tempada de Ponteatro que aechegará 6 espectáculos arriscados que combinan diversas artes escénicas e xéneros teatrais entre o 20 de febreiro e o 3 de abril.

“Temos unha programación que queremos que sexa realmente innovadora e arriscada porque nela van dialogar algunha das mellores pezas do teatro galego que podíamos traer con algunhas que traemos de fóra de Galiza.

A excepción de ‘Os miserábeis’ que, ao formar parte do programa do Salón do Libro, terá un prezo de 3 euros, as restantes propostas contarán co prezo habitual de 8 euros e reducido de 4 euros para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65 anos.

As entradas soltas e o abono para os 6 espectáculos están á venda en Ataquilla.com


Demetrio Gómez na presentación de Ponteatro 2025 | Concello de Pontevedra

Comezamos no mes de febreiro con ‘4×4’ de Ron Lalá, unha compañía que fai humor, teatro e música por esa orde de importancia. Quen queira asistir a esta sesión, vai disfrutar sobre todo de humor nun teatro no que os actores tamén son músicos.

Esta peza dialoga coa galega ‘#2Pilgrims’ de Redrum Teatro que é unha reflexión sobre temas moi actuáis: feminismo, novas masculinidades, etc. a partir da experiencia de dous actores que están en horas baixas e pensan que, a partir das posibilidades que ofrece o Camiño de Santiago, poden volver a lanzar a súa carreira. Un diálogo que non afecta só a que sexan pezas diferentes senón que son xéneros diferentes: unha peza de comedia con unha que ten máis que ver co drama ou a reflexión.

En marzo temos tamén ese diálogo pero cambiamos as tornas. Comenzamos con ‘El verdugo’ de El Espejo Negro que é unha obra multipremiada, unha traxicomedia que versiona ‘El verdugo’ de Berlanga. O aspecto arriscado aquí é que traemos para público adulto unha peza de monicreques.

A peza galega coa que dialoga é unha estrea recente, ‘Reconversión’ de Ibuprofeno Teatro, unha obra que sabemos que os e as afeccionadas ao teatro tiñan moita gana de ver aquí en Pontevedra.

Neste caso dámoslle a volta porque onde hai música é na peza galega, na que hai toda unha reflexión a través do teatro, do que foi o franquismo nos anos 40 ata o Felipismo dos 80, vista a través dos ollos dos traballadores e traballadoras que padeceron a reconversión industrial.



E aínda arriscamos moitísimo máis cara o final de Ponteatro porque levamos o 28 de marzo ao Pazo da Cultura ‘Os Miserábeis’, unha peza que quixemos traer ao programa de teatro profesional de Pontevedra malia que é unha obra que leva nas taboas á compañía do IES Illa de Ons de Bueu. Participa prácticamente toda a comunicade educativa e relaciónase con todas as demais obras polo feito de que aquí temos unha revisión da obra de Victor Hugo, traída a un ambiente máis galego e reflexionando sobre temas de moitísimo interese para a mocidade de hoxe en día.

E rematamos Ponteatro no mes de abril cunha peza de artes escénicas que non é teatro, ‘Ceibe’ de Fran Sieira, na que recuperamos a reflexión sobre o xénero, confrontado coa tradición galega, neste caso coa danza tradicional. Temos un diálogo entre a danza contemporánea e a danza tradicional, nun espectáculo de recente estrea que ten moi boas críticas e pensamos que era un bo momento de ampliar o abano do que adoitamos traer en Ponteatro. Unha programación arriscada, un diálogo entre xéneros teatrais e e entre compañías galegas e de fóra do noso país”.


Xoves 20 de febreiro ás 21.00 h no Teatro Principal ‘4 x 4’ – Ron Lalá

Unha viaxe ás catro primeiras obras de Ron Lalá. Un percorrido polas escenas esenciais dos espectáculos que a consolidaron como unha das compañías máis premiadas e aclamadas pola crítica e público: “Mi misterio del interior”, “Mundo y final”, “Time al tiempo” e “Siglo de Oro, siglo de ahora”.

Unha ruta teatral e musical, co desafío de revivir as catro propostas e dar conta da evolución creativa e escénica dos “ronlaleiros”. Catro espectáculos nun. Unha festa de humor crítico e cítrico. Ron Lalá en estado puro.

  • Creación colectiva: Ron Lalá
  • Dirección: Yayo Cáceres
  • Elenco: Juan Cañas, Miguel Magdalena, Diego Morales, Luis Retana e Daniel Rovalher
  • Duración: 80 min

Xoves 27 de febreiro ás 21.00 h no Teatro Principal ‘’ – Redrum Teatro

Lembrades a Sheyla Fariña e a Guillermo Carbajo? Ela protagonizou a serie ‘Acacias 38’, e el foi o neno de ‘Pratos Combinados’. Agora as súas carreiras están acabadas. Vivimos nun mundo caótico e imprevisible pero grazas a globalización, ás redes sociais, a Netflix e a un ditador psicópata, quizáis lles quede unha última oportunidade que retornar a ese firmamento de estrelas da TVG.

O Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades serán os temas principais do proxecto ‘#2Pilgrims’, unha aventura cativadora que poderá catapultar as súas carreiras á actualidade internacional.

  • Autoría: Fernando Epelde
  • Dirección: Álex Sampayo
  • Elenco: Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo
  • Duración: 70 min

Xoves 13 de marzo ás 21.00 h no Pazo da Cultura ‘El Verdugo’ – El Espejo Negro

José Luis, empregado dunha funeraria, proxecta emigrar a Alemaña para converterse en mecánico. A súa noiva é filla de Amadeo, un verdugo profesional. Cando son sorprendidos na intimidade, as circunstancias obríganos a casar.

Ante a falta de medios económicos, Amadeo, que está a piques de se xubilar, convence a José Luis para que solicite a praza de verdugo, que el vai deixar vacante, o que lle daría dereito a unha vivenda. José Luis acepta a proposta do seu sogro convencido de que xamais se presentará a ocasión de exercer o oficio…

Multipremiada versión teatral de ‘El Verdugo’, de Luis García Berlanga.

  • Adaptación e dirección: Ángel Calvente
  • Elenco: José Vera Nicart, Carlos Cuadros, Laín Calvente e Susana Almahano.
  • Duración: 90 min

Xoves 20 de marzo ás 21.00 h no Teatro Principal – ‘Reconversión’ – Ibuprofeno Teatro

Un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na ría de Vigo. Reconversión é unha viaxe desde a posguerra ata o “Felipismo”dos 80, pasando pola auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.

Un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo.

  • Dirección e autoría: Santiago Cortegoso
  • Elenco: Artur Abad, Cristina Collazo, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu e Nani Matos
  • Duración: 100 min

Venres 28 de marzo ás 19h. no Pazo da Cultura ‘Os Miserábeis’ – Compañía do IES Illa de Ons (Bueu) en colaboración co Salón do Libro

Adaptación propia, integramente en galego, a partir dunha revisión contemporánea e feminista da novela do escritor francés Víctor Hugo. A historia, que na súa orixe transcorre na Francia do séc. XIX e das revolucións de 1830, trasládase agora a un ambiente máis galego, con referencias a temas actuais como a loita pola liberdade, a desigualdade social, a coraxe ou a revolución do pobo.

  • Texto orixinal: Víctor Hugo
  • Adaptación: Catuxa López Pato
  • Dirección e dramaturxia: Alumnado e profesorado do IES Illa de Ons
  • Duración: 90 min

Xoves 3 de abril ás 21.00 h no Pazo da Cultura ‘Ceibe’ – Fran Sieira, Compañía de Danza

‘Ceibe’ afonda na relación entre o xénero e a nosa tradición neste caso o baile tradicional galego.

Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos, impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes e, desde aí, formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos.

  • Dirección: Fran Sieira e Sergio R. Suárez
  • Elenco: María Montero, Patricia Sánchez, André Adrio, Artur Puga, Martín Mondragón, Adela Otero, Cristina Canosa, Aida Tarrío, Adrao Casal e Francisco Sieiras.
  • Duración: 55 min

Está pasando!