Pontevedra abre o prazo de inscrición para as actividades do ‘Apego no outono’

23 Setembro 2025

  • A programación, que se vai estender entre outubro e decembro, está dirixida a familias con crianzas de 0 a 6 anos, ou que estean á espera dun bebé.
  • Arrolos, cantigas, contiños ou xogos de dedos son o centro arredor do que xiran as actividades orientadas ás familias con bebés de 0 a 3 anos.
  • A cativada de 3 a 6 anos poderá gozar con ‘Pan con chocolate’ de Carmen e María da Pontragha e ‘O gaiteiro verde’ coa Fundación Legar. Tamén reanudará a súa actividadade o proxecto ‘Un pobo con historia de seu’, a cargo de Polo Correo do Vento e Ab Origine.
  • Os formularios de participación para todas as propostas están dispoñibles en apuntate.pontevedra.gal.

Xa está aberto o prazo de inscrición para as actividades que o programa Apego vai desenvolver este outono para as familias con crianzas de 0 a 6 anos, ou que estean á espera dun bebé.

O programa, que terá lugar entre outubro e decembro, ten como obxectivo xerar espazos de lecer e socialización en galego, así como ofrecer recursos e ferramentas para activar e enriquecer a lingua das familias.

Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. En apuntate.pontevedra.gal están dispoñibles os formularios para as diversas propostas.

As familias con bebés de 0 a 3 anos contarán con numerosas propostas cos arrolos, cantigas, contiños ou xogos de dedos como centro. Todos eles, elementos fundamentais do noso patrimonio oral, lúdico e musical, son un valioso recurso para iniciar os bebés na linguaxe, reforzar vínculos afectivos e crear espazos de calma ou diversión.

Estas sesións estarán guiadas por Sonsoles Penadique, Chechu Riquelme, a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, Marta Ortiz, Luís Prego e Samuel Soto.

Sonsoles Penadique e Chechu Riquelme abrirán a programación o venres 10 de outubro con dúas sesións de ‘Animais encantados’, unha actividade que inclúe música, narración oral, danza e xogo, e cuxo fío condutor son os animais máxicos propios de distintas tradicións.

A proposta para o venres 24 de outubro vén da man da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy e chámase ‘O son que me arrola’, unha aposta pola estimulación sonora dos bebés, con música en directo e espazo para a experimentación, para que as crianzas se acheguen á nosa cultura a través de cantos de berce, lerias, enredos e distintos instrumentos.

O venres 14 de novembro haberá oportunidade de coñecer de primeira man a nova actividade de Marta Ortiz, ‘Onde nace a lingua’, unha sesión baseada na nosa tradición oral con adiviñas, trabalinguas, contos rimados acumulativos e encadeados para xogar cos sons, co ritmo, coa xestualidade e coa lingua de maneira divertida e participativa.

E o xoves 20 de novembro serán Luís Prego e Samuel Soto os encargados de guiar as sesións musicais ‘Prende no colo’, nas que as familias poderán familiarizarse con cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos.

A actividade do 5 de decembro está aberta a familias con crianzas de 1 a 6 anos. Chámase ‘Danzando co outono’ e é un obradoiro ligado á danza impartido por Laura Martínez Rey.

Durante as sesións as familias integrarán a lingua a través do corpo e o movemento, e conectarán as dinámicas de respiración, ritmo ou danza con conceptos e produtos típicos do outono, acompañadas por música e diferentes materiais.

Para a etapa de 3 a 6 anos haberá dúas propostas específicas. ‘Pan con chocolate’ é a proposta de María e Carme da Pontragha, que ofrecerán dúas sesións moi participativas de narración oral, música e baile.

Pola súa banda, as familias con crianzas de cinco anos en adiante poderán gozar do obradoiro ‘O gaiteiro verde’, coa Fundación Legar, no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais naturais e a usalos para acompañar cantigas.

Continúa tamén durante as fins de semana o ciclo de actividades ‘Un pobo con historia de seu’, a cargo de Polo Correo do Vento e Ab Origine, e con dinamización musical de Marcelo Dobode.

Trátase de actividades de hora e media de duración que se desenvolven en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Constan dunha pequena explicación sobre un período histórico concreto, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía.

Están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa historia e a cultura propias dunha maneira interxeracional e lúdica, e para fomentar o uso da nosa lingua en contextos de lecer.

O ciclo de actividades ‘Un pobo con historia’ de seu ten o seu propio formulario de inscrición tamén en apuntate.pontevedra.gal

As familias do Concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse escribindo a [email protected].

Está pasando!