Presentación da Gala dos 12º Premios Martín Códax da Música | Concello de Pontevedra

Pontevedra acolle un ano máis a Gala dos Premios Martín Códax organizada por Músicas ao Vivo

23 Maio 2025

  • O espectáculo, guionizado e presentado por Lupe Blanco e Xisco Feijoó, terá lugar o vindeiro mércores 28 a partir das 20.30 h. no Auditorio do Pazo da Cultura
  • Na gala serán entregados vinte galardóns entre 57 proxectos finalistas convocados nas categorías artísticas e extraordinarias, como é o caso do honorífico que recibirá Leilía
  • O grupo Ailá será o responsable da banda sonora do evento, nun espectáculo conectado estreitamente co Día das Letras deste ano, dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional oral

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá a Gala dos 12º Premios Martín Códax da Música, “unha das citas obrigadas da cultura deste país, da música galega e da primavera pontevedresa” que terá lugar o vindeiro mércores 28 no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 20.30 h.

Acompañado de organización e patrocinadores, Demetrio manifestou estar moi contento e orgulloso de que este evento, que pon en valor o talento musical do país, leve tantos anos escollendo Pontevedra como a súa casa. “Estes premios son un impulso aos músicos e músicas galegas cos que o Concello de Pontevedra está volcado desde o primeiro ano, con novidades nestes últimos anos.

Como sabedes a nós o que nos gusta é traballar en equipo pola cidade, pola provincial e polo país enteiro, por iso hoxe é un día moi especial porque o alcalde estivo antes reunido con Pilar Portela, coordinadora do departamento de Música e Danza da AGADIC, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Jorge Pallarés, director de Marketing das Adegas Martín Códax, Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, Xisco Feijóo, guionista e presentador da gala, e Diego Valeiras, escenógrafo.

Repetir que para o Concello de Pontevedra é un orgullo que fagamos este tipo de actos, en colaboración. Contribúe a que Pontevedra estea hoxe moi ben situada como receptora e organizadora de eventos.

Menos leria, moita música. Así avanzan o que será a gala de entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música os seus guionistas e presentadores: Lupe Blanco e Xisco Feijóo. O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores 28 de maio a festa anual da música galega con 57 finalistas convocados nas categorías artísticas e extraordinarias.

Sheila Patricia de Músicas ao Vivo, promotora dos premios, avanzou en Pontevedra algúns detalles da gala da próxima semana, que poderá seguirse ao vivo en premiosmartincodaxdamusica.gal e pola plataforma agalega.gal. xa que “é posible que non haxa moito oco para o público en xeral xa que son moitas as persoas finalistas e familiares. Agardamos o luns poder comentar en redes as vacantes, por se alguén se quere achegar”.

O grupo Ailá será o responsable da banda sonora do evento

“O grupo Ailá encargarase da banda sonora da noite do mércores 28, nun espectáculo conectado estreitamente co Día das Letras deste ano 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional oral. O grupo de Santiago de Compostela leva á gala dos 12º Premios Martín Códax a súa proposta, baseada na recolla e pensada para bailar e gozar da música. Representantes do novísimo tradi, Ailá xa foi seleccionado para representar a Galicia no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024, no WOMEX 2023, no Festival Interceltique de Lorient 2023 ou no Celtic Connections de Glasgow en 2020, entre outras citas.

Xotas, muiñeiras e rumbas soarán entre premio e premio nunha gala, con escenografía de Diego Valeiras, na que se homenaxeará as mulleres cantareiras que mantiveron e manteñen o legado musical tradicional. A regueifeira Lupe Blanco e o bailador e músico Xisco Feijóo son os responsables do guión da gala do 28 de maio, ademais de encargarse de conducila. Os responsables da gala adiantaron en Pontevedra que será unha gala “áxil, máis rápida do que é costume nos premios, e en clave de humor. Unha gala dinámica, estruturada en varios bloques e na que a música sexa a principal canle de transmisión.”

Lupe Blanco é unha das responsables da vixencia e viveza da regueifa nos nosos días; nacida en Coristanco en 1980, está considerada unha revitalizadora no ámbito da improvisación oral. Pola súa banda, o bailador e cantante de Vigo Xisco Feijóo leva trinta anos dedicado á investigación e recuperación dos sons tradicionais, e hoxe en día é un dos artistas máis destacados desta escena en Galicia.

Entre os 20 galardóns entregados, cabe destacar o honorífico ao grupo Leilía e o de Artista Emerxente do que son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. O equipo responsable da gala resérvase algunha sorpresa para o día 28, pero subliñou que a complicidade e interacción do público son obxectivos do espectáculo deseñado para esta décimo segunda edición dos Martín Códax.

Prazo para votación do público aberta ata o domingo 25

Na rolda de prensa de Pontevedra, Sheila Patricia, presidenta de Músicas a Vivo, lembrou que ata este domingo 25 de maio socias e socios de Músicas ao Vivo e público en xeral, poden votar os proxectos finalistas dos premios 2025 a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal.

No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.

Está pasando!