Demetrio Gómez e Pablo Méndez na presentación da XIV Feira Franca | Concello de Pontevedra

Pontevedra celebra esta fin de semana unha Feira Franca na que as meigas son as protagonistas

2 Setembro 2025

Pontevedra está a punto de viaxar varios séculos no tempo. A Feira Franca, cita ineludíbel do verán pontevedrés e considerada de interese turístico galego, celebrarase esta fin de semana, entre o 5 e o 6 de setembro.

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, explicou este martes, 2 de setembro, que os preparativos están «moi, moi avanzados», beneficiándose de dous días adicionais de organización que permitiron axilizar multitude de tarefas.

Gómez subliñou a «compoñente claramente feminista» das festas deste verán, manifestada nas pregoeiras, nas actividades realizadas e, agora, na elección das meigas, concibidas como mulleres que «nunca calaron e que ademais elas mesmas eran un xeito de rebelarse contra un patriarcado».

A Feira Franca elévase como unha festa colectiva, con participación directa da cidadanía a todos os niveis. Este ano, incorporará algunhas novidades ornamentais a pé de rúa, como é o caso da rúa Serra, na que se cubrirá un edificio en mal estado.

O programa completo xa está dispoñible na web municipal e, segundo o edil, contará con máis animación que noutras edicións, prometendo algún «pasarrúas que agardamos que sexa sorprendente».

A Feira Franca arrincará oficialmente o venres ás 19:30h cos pregoeiros, que darán paso ao espectáculo de Pablo Méndez Producións, un evento que, como todos os de inicio, «só se poderá gozar ese día na Ferrería».

Doutra banda, a cidade ten prevista a colocación dunhas 170 mesas para xantares e ceas, 100 postos de mercado, 55 postos de alimentación e unhas 100 posicións de hostalería. Gómez indicou que esta configuración está «practicamente no límite do que a feira franca pode asumir», dada a complexidade de coordinar todos estes elementos cos espazos e vías de seguridade requiridas para bombeiros, extintores, ambulancias, equipos médicos, policía e protección civil.

Aínda que as mesas se manterán nas mesmas zonas conxuntas, houbo algunha recolocación para optimizar o espazo. Os fitos tradicionais da feira, como os dous pases do torneo e o Desfile do Viño, mantéñense.

Cómpre sinalar que, debido ás mareas, as embarcacións tradicionais estarán situadas sobre a Ponte do Burgo en lugar de na auga, e aproveitarase este espazo para ofrecer animación infantil ao longo de todo o día na ponte.

O orzamento para esta edición roldará os 340.000 euros, unha cifra que se confirmará unha vez remate o evento.

Está pasando!