Presentación do programa do Entroido 2024 en Pontevedra | © Concello de Pontevedra

Pontevedra celebra os 40 anos da recuperación do seu Entroido

30 Xaneiro 2024

  • O programa deste ano funcionará tamén como un álbum de cromos que rememora e contempla os carteis creados ao longo destas catro décadas por diferentes artistas e deseñadores
  • As Murgas, a Mostra da Parodia, o tradicional Desfile, o velorio do loro Ravachol, a Noite Pirata ou as xornadas do Entroido formarán parte da programación oficial deste ano

Pontevedra celebrará este 2024 un Entroido máis que especial. Trátase do 40 aniversario desde que o Entroido volveu ás rúas da cidade e nas que evolucionou e medrou até se converter no «mellor entroido urbano do país», tal e como lembrou o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, na presentación do programa deste ano.

O edil estivo acompañado polos integrantes da Murga do Naveiro, os pregoeiros escollidos para iniciar o Entroido neste ano, xunto co ilustrador, deseñador e creador do cartaz (e álbum de cromos) desta celebración, Kiko da Silva, transformado en Castelao; e a fotógrafa Paula Andrés.

«Estamos nun Entroido moi especial. Celebramos 40 anos da recuperación do Entroido na rúa de Pontevedra», lembrou Gómez. «Queriamos facer algo moi especial, queriamos facer unha homenaxe a todas as persoas que pasaron pola organización deste Entroido e que lograron que ano tras ano sempre vivísemos unha gran festa. Pareceunos unha magnífica opción publicar todos os cartaces neste álbum de cromos convertido en programa do Entroido».


Cartaz do Entroido en Pontevedra 2024 | © Concello de Pontevedra

Así, o programa físico do Entroido, do que serán distribuídos 10.000 exemplares —que poderán ser recollidos nuns días na Oficina de Turismo Municipal e no Departamento de Cultura e Festas de Churruchaos—, é tamén un álbum de cromos que inclúe até 32 colantes distintos que poden ser adheridos no propio programa, enchendo os ocos correspondentes. Unha peza de coleccionismo en toda regra, que se desenvolve entre a nostalxia e a memoria destes 40 anos de festas e disfraces.

O edil de Festas quixo agradecerlles o esforzo a todas as persoas que están traballando no Entroido deste ano 2024, tanto polo curto espazo de tempo que houbo entre o Nadal e os días de disfraces que están por chegar, como polas propias dificultades que atravesa o Concello ao contar cuns orzamentos prorrogados. «Non foi realmente nada doado sacar adiante o traballo que é organizar e dar forma a este programa», insistiu Gómez.

O programa oficial do Entroido pontevedrés comezará o día 9 de febreiro, coa recepción do alcalde ao rei Urco, quen chegará acompañado do seu séquito e das comparsas Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos, Os Paparrulos e Os Solfamidas. A partir desta xornada, sucederanse as citas habituais coma o Desfile e certame (10 de febreiro), a recreación da Botica de Perfecto Feijoo (12 de febreiro), a Noite Pirata (13 de febreiro), a Mostra da Parodia (16 de febreiro) ou a queima do loro Ravachol (sábado 17), entre outra actividades como pasarrúas, obradoiros infantís, entroidos tradicionais nas parroquias, sesións vermús, festa infantís, etcétera.

O programa do Entroido completo poderá ser consultado na web municipal.


Kiko da Silva caracterizado como Castelao | © Concello de Pontevedra

Pola súa banda, Kiko da Silva quixo anunciar que esta sería a súa derradeira achega en forma de deseño e cartel para o Entroido pontevedrés. Caracterizado como Castelao, o artista gráfico quixo reivindicar a súa figura un día despois da data do seu nacemento (29 de xaneiro). «Cando recibín este encargo tiña claro que non podía ser Kiko da Silva, senón Castelao no século XXI, quen fixese este cartaz», explicou. «É o colofón e o peche do meu paso por este marabilloso Entroido que temos. Por suposto, non fun o único ao longo destes 40 anos que o fixo, como Juan Gómez, Santiago Paredes ou Ovo Publicidade».

A nomeada peza artística referencia ‘O neno das piñas’ do propio Castelao, que se atopa no Museo de Pontevedra, lembrando tamén que o seu cartaz foi creado usando as mesmas técnicas de pintura que o polifacético intelectual de Rianxo, sinalando a importancia das creacións feitas a man fronte ao traballo das intelixencias artificiais no deseño gráfico.


Portada do programa do Entroido 2024 en Pontevedra | © Concello de Pontevedra

PROGRAMA ENTROIDO EN PONTEVEDRA 2024

VENRES 9 DE FEBREIRO

  • 21.00 h Praza da Ferraría. Recepción do alcalde a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito e das comparsas Las Flores del Carnaval, Os 100Tolos, Os Paparrulos e Os Solfamidas. Lectura do pregón a cargo da murga do Naveiro.
  • 21.30 h Pasacalles dos Canecos, Os Miúdos, As Sonecas e Os da Caña.

SÁBADO 10 DE FEBREIRO

  • 16.00 h José Malvar. Concentración dos participantes no desfile para realizar a inscrición e recollida do número de participación.
  • 17.00 h Desfile do Entroido. Saída dende a rúa de José Malvar; percorrerá as rúas de Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e rúa da Alameda.
  • 20.00 h Praza da Ferraría. Celebración da festa do Entroido durante a que se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das modalidades.

LUNS 12 DE FEBREIRO

  • 17.00 h Praza de Curros Enríquez. Obradoiro infantil: crea a túa máscara. 19.30 h Praza da Peregrina. Presentación do loro Ravachol. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Actuación: Lerçe.
  • 21.00 h Pazo da Cultura. Primeira eliminatoria do XXXII Concurso de Murgas.

MARTES 13 DE FEBREIRO

  • 12.30 h Pasacalles da Banda Corsaria.
  • 17.00 h Praza da Ferraría. Festa pirata infantil e animación infantil. Concerto de Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc.
  • 18.00 h Pasacalles da Banda Corsaria.
  • 20.00 h Noite Pirata. Desembarco da tripulación do Burla Negra no Centro Histórico. Amosa o teu lado pirata! Únete ao Pirata da Moureira! Asociación Combrus, Troula e Vamos a Todo.
  • 21.30 h Praza da Ferraría. Baile pirata: concerto de Gin Toni’s.
  • 23.00 h Pasacalles pirata. Os da Caña, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Os Miúdos, As Sonecas, Os Paparrulos, Os Canecos, Os 100Tolos e Os Retrincos.

MÉRCORES 14 DE FEBREIRO

  • 16.30 h Casa da cultura de Campañó. Recuperación do Entroido tradicional de Campañó. A Corrida da Rosca. Festival infantil de entroido
  • 17.00 h Praza da Peregrina. Obradoiro: As máscaras de Ravachol.
  • 17.00 h Festa infantil. Centro Cultural de Monte Porreiro.
  • 19.00 h Recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Ambientación a cargo da Aula de Teatro Municipal e persoeiros relevantes da época na cidade. Actuación de Boavila.
  • 21.00 h Pazo da Cultura. Segunda eliminatoria do XXXII Concurso de Murgas.

XOVES 15 DE FEBREIRO

  • 21.00 h Pazo da Cultura. Final do XXXII Concurso de Murgas.

VENRES 16 DE FEBREIRO

  • 17.00 h Rúa da Serra. Obradoiro infantil: crea o teu disfrace.
  • 22.30 h Prazas e rúas da cidade. XXVII Mostra da Parodia do Entroido.
  • 01.00 h Praza da Ferraría. Entrega de premios da XXVII Mostra da Parodia do Entroido.

SÁBADO 17 DE FEBREIRO

  • 12.00 h Praza da Peregrina. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo, actuación de Lajhareu e Os Alegres.
  • 12.30 h Sesión vermú. Praza da Verdura, Curros Enríquez, escaleiras Teatro Principal. Murga Os do Val do Lérez, Murga Equipo Ja e Murga do Naveiro
  • 18.00 h Praza da Verdura. Comezo do velorio de Ravachol na sala mortuoria. Prégase a asistencia de loito rigoroso.
  • 18.30 h Pasacalles musical século XIX Os de Algures.
  • 21.00 h Saída do cortexo fúnebre dende a praza da Verdura acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Os Miúdos, As Sonecas, Os da Caña, Vamos a Todo e Os Alegres, percorrendo as rúas de San Román, Ferraría, paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantaría e praza da Ferraría.
  • VELORIO INFAUSTO. Cabodano das honras fúnebres do fenecido Ravachol. Praza da Ferraría. Procederase á incineración do finado. Na súa honra terá lugar unha sentida coroa fúnebre, cun espectáculo necrolóxico. Programa: 1º Introito coa lectura dunha elexía para o finado. 2º Celme, danza da morte. 3º Saeta Val do Lérez. 4º Incineración do loro Ravachol.
  • 22.00 h Pasacalles das comparsas Las Flores del Carnaval, Os Solfamidas, Os Retrincos, Os Paparrulos e Os 100 Tolos.

SÁBADO 24 DE FEBREIRO

  • 23.00 h Casa da cultura de Campañó. Baile de Entroido con premios aos mellores disfraces.

XII XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

Sala multiusos Teatro Principal

VENRES 16 DE FEBREIRO

  • 18.00 h Apertura das xornadas
  • 18.10 h Presentación do libro Descifrando o Entroido. Manuel básico para entender o Entroido galego. A cargo do seu autor Rafael Quintía Pereira.
  • 18.30 h Conferencia «Entruido tradicional A Feira. Salceda de Caselas». A cargo de Manuel Cabaleiro e Abel Pérez.
  • 19.30 h Conferencia «O Entroido no concello do Bolo». A cargo de Cristina Fernández.
  • 20.30 h Mesa redonda coas persoas relatoras.

SÁBADO 17 DE FEBREIRO

  • 18.00 h Apertura das xornadas.
  • 18.10 h Presentación do libro O animalario do Entroido galego. Mito e tradición. A cargo do seu autor Carlos X. Ares.
  • 18.30 h Conferencia «A recuperación do Entroido dos Galos de San Pedro da Mezquita». A cargo dos membros da A. C. Os Galos da Mezquita.
  • 19.30 h Conferencia «O Merdeiro. Personaxe da Ribeira». A cargo de Adriana del Río Miranda e Hadrián Román Carreiro.
  • 20.30 h Mesa redonda coas persoas relatoras.
  • 21.00 h Clausura das xornadas
Está pasando!