Fotograma de ‘Así chegou a noite’

Proxeccións, coloquios e premios na penúltima xornada de Novos Cinemas

12 Decembro 2025

  • A entrega do palmarés na Sala Zennet recoñecerá o talento dunha edición marcada pola diversidade e a experimentación.
  • ‘Así chegou a noite’, de Ángel Santos, clausurará o festival.

A xornada do sábado 13 de decembro no Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, propón unha programación que viaxa entre o proceso creativo, a memoria colectiva e as novas formas do cinema contemporáneo.

Ás 14.00h, na Sala Zennet, coñecerase o palmarés da décima edición.

O día pecharase coa estrea en Pontevedra de ‘Así chegou a noite’, a nova longametraxe de Ángel Santos, cineasta, crítico e cofundador do festival, que clausurará a programación desta edición tan especial.

Ángel Santos, director de ‘Así chegou a noite’ | Marío Llorca

 10:30h | Fundación RAC 

O dúo RapapAwn presenta unha peza “en obras”, un proxecto de animación experimental en proceso onde o contexto persoal e os imprevistos se integran na creación. A sesión converterase nun diálogo co público arredor das súas motivacións e métodos.

Formado por Óscar Raña e Cynthia Alfonso, o colectivo vigués traballa entre o cómic, a animación e a instalación, con obras exhibidas e premiadas en Europa e América.

 11:00h | Teatro Principal 

WORKING CLASS HEROES — Colaboración co festival Porto/Post/Doc

‘STOP. Salas de ensaio para um materialismo histórico’

Portugal | 2025 | 23’ | Dir. Jorge Quintela

Un retrato do lendario Centro Comercial Stop, no barrio do Bonfim (O Porto), espazo de resistencia e creación musical. A curtametraxe mergúllase na súa historia desde a lectura crítica do materialismo histórico de Walter Benjamin.

O filme proxectarase coa presenza de Sérgio Gómez (Porto/Post/Doc) e Jorge Quintela, director e cofundador de Bando à Parte, cuxa obra transita entre a ficción, o documental e a experimentación.

 12:00h | Fundación RAC 

MESA DOS 10 ANOS

No marco do décimo aniversario de Novos Cinemas, tres figuras esenciais do cinema galego —Beli Martínez (Filmika Galaica), Lois Patiño (cineasta e creador audiovisual) e Jaione Camborda (Esnatu Zinema)— compartirán reflexións arredor do papel dos festivais no ecosistema cinematográfico actual.

O encontro estará moderado por Alejandro Espiño, xornalista, e contará coa participación de Daniel Froiz, director executivo de Novos Cinemas e produtor en Matriuska Producciones.

 17:00h | Teatro Principal 

FOCO UN PUMA

O festival dedica o seu primeiro foco europeo á produtora arxentina Un Puma, fundada en Bos Aires por Victoria Marotta e Jerónimo Quevedo.

Este último estará en Pontevedra para presentar unha selección de curtas e compartir o proceso de traballo dunha compañía que se consolidou como referente do novo cinema latinoamericano.

 20:30h | Teatro Principal 

‘ASÍ CHEGOU A NOITE’

España | 2025 | Dir. Ángel Santos

Estrea en Pontevedra

Un escultor retírase á costa galega e, no seu illamento, comeza a reinventarse mentres o pasado o chama de volta. Así chega a nova longametraxe de Ángel Santos, cineasta, crítico e cofundador de Novos Cinemas.

Coproducida por Maruxiña Film Co., Amateurfilms e Matriuska Producciones, a película pecha a xornada cunha exploración íntima da identidade, a creación e o silencio.

Coloquio co director e parte do equipo artístico.

Toda a información sobre horarios, películas e actividades pode consultarse en novoscinemas.com

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

Está pasando!