Redondela acolle a estrea de “San Simón”, o filme que recupera a historia das vítimas

24 Outubro 2025

  • A película “San Simón”, na que colabora o Concello de Redondela, conta a historia da illa durante os sete anos en que foi campo de concentración fascista, desde 1936 ata 1943.
  • Proxectarase no auditorio da Xunqueira o domingo, día 26, ás 18.00 horas. As entradas poden recollerse de balde no multiúsos a partir das 16.00 horas.

A película “San Simón”, rodada o ano pasado na illa, chega hoxe ás salas comerciais. O filme, no que participan actores e figurantes redondeláns, tamén poderá verse este domingo no auditorio da Xunqueira ás 18.00 horas.

Na estrea en Redondela participarán o director, Miguel Ángel Delgado, e os actores Tatán, Ana Fontenla, Andrés Giráldez, Miguel Borines e Roberto Casal.

A longametraxe conta o que aconteceu en San Simón durante os sete anos en que foi campo de concentración fascista, desde 1936 ata 1943.

A alcaldesa, Digna Rivas, pon de relevo a importancia de que a historia das vítimas, que durante décadas foi silenciada, sexa coñecida polo público. “A arte, neste caso o cine, é tamén un xeito de render homenaxe ás vítimas e dar a coñecer o que aconteceu na illa de San Simón: o sufrimento, a opresión, e tamén a dignidade dos homes e mulleres que loitaron pola xustiza e a igualdade”.

O público que desexe asistir ao pase en Redondela pode retirar de balde as entradas no Multiúsos da Xunqueira o propio domingo, día 26, a partir das 16.00 horas.

Ao final da proxección celebrarase un coloquio coa participación do director, actores, e representantes de asociacións redondelás como o Colectivo Republicano e o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.

A película “San Simón”, na que colabora o Concello de Redondela, celebrou a súa estrea mundial no Festival de San Sebastián o pasado mes de setembro, logo foi premiada no Ourense Film Festival, e recentemente participou na Mostra de Cine Internacional de Sao Paulo.

Está pasando!