Presentación da V Carreira Infantil e a IV Contrarreloxo por equipos | Concello de Redondela

Redondela acollerá o próximo sábado a V Carreira Popular Infantil e a IV Contrarreloxo por Equipos

15 Setembro 2025

Centos de deportistas de todas as idades daranse cita o próximo sábado, día 20, en Redondela coa V Carreira Popular Infantil e a IV Contrarreloxo por Equipos.

As dúas citas, organizadas polo Concello de Redondela en colaboración co Club de Atletismo CAR, celébranse a partir das 18.00 horas coa proba infantil e ás 20.00 horas coa contrarreloxo.

O prazo de inscrición para as dúas carreiras está aberto ata este mércores, día 17 de setembro, en cronotec.es

Esta nova edición da carreira popular infantil está dirixida a nenos e nenas nacidos entre o 2010 e o 2023. A rapazada terá que percorrer diferentes distancias dependendo das súas idades. Así, a distancia da carreira será de 50 metros para os máis pequenos até os 2.300 metros para os maiores.

A partir das 18.00 horas comezarán as carreiras na rúa Alfonso XII. A meta estará situada na mesma rúa, fronte á Casa do Concello.

Tamén está aberto o prazo de inscrición para a IV Carreira Contrarreloxo por Equipos que se celebrará na mesma xornada a partir das oito da tarde. Os equipos deberán estar formadas por entre 4 e 6 compoñentes. No caso dos equipos mixtos, un mínimo de 2 compoñentes terán que pertencer ao xénero contrario.

O percorrido terá unha distancia de 5.000 metros que comezará no centro da vila e rematará diante do Concello, onde estará situada a meta. A inscrición inclúe os gastos de xestión e o prezo é de 8,50 euros.

Na proba infantil, a tres días de que pechen as inscricións, hai reservas de máis de 160 participantes, mentres que na contrarreloxo hai anotados máis de 70 corredores.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro Antonio Cabaleiro presentaron esta cita deportiva que coincide co 13º aniversario do CAR, xunto aos directivos do club Pilar Nieto, Gabriel Corugeira e a presidenta Ana Romasanta.

Tanto desde o Concello de Redondela como desde o club animan aos amantes do atletismo a sumarse a este evento para gozar dunha xornada de deporte e convivencia.

Está pasando!