Presentación da XII Festa do Pan | Concello de Ribadumia

Ribadumia presenta a XXII edición da Festa do Pan que terá lugar o sábado 9 de agosto na Carballeira

2 Agosto 2025

A Carballeira de Ribadumia acolleu a presentación oficial da XXII Festa do Pan, que terá lugar o vindeiro sábado 9 de agosto.

No acto de presentación estiveron presentes o alcalde do municipio, David J. Castro, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, o deputado provincial, Javier Tourís, e membros da corporación municipal.

Presentación da XII Festa do Pan | Concello de Ribadumia

Ademais, a cita contou coa presenza de diversos colaboradores e organizadores da festa, representantes do Grupo de Teatro Alecrín e veciños e veciñas que quixeron acompañar ao Concello na posta en marcha desta nova edición.

A festa, que combina cultura, gastronomía e tradición, conta coa colaboración de empresas como Aceites Abril, Avícola Otres, Panadería Ponte Arnelas, Panadería Isidoro e Boutique del Pan, aos que o Concello de Ribadumia quere agradecer o seu apoio nesta celebración.

A programación da XXII edición da Festa do Pan que se celebrará o sábado 9 de agosto na Carballeira de Ribadumia é a seguinte:

  • De 17:00 a 19:00h. Recollida de sobremesas elaboradas con pan e empanadas de millo para o “XXII Concurso de postres caseiros” e “XV Concurso de empanadas de millo”.
  • 18:00h. Actividades infantís relacionadas coa elaboración do pan.
  • 19:00h. PEQUE DISCO MOC MOC: para que nais e pais bailen e desfruten en familia cos peques eses míticos temazos dos anos 90 e 2000!
  • 19:30h. Catas dos concursos de sobremesas caseiras e empanadas de millo.
  • 20:00h. Saída cara os Muíños do Batán acompañados do grupo Xironsa e do grupo de teatro Alecrín. A continuación, representación da moenda do millo do país, amasado e mostra de elaboración tradicional do pan de millo.
  • 22:00h. Volta á Carballeira para a entrega de premios aos finalistas dos concursos, degustación de distintas variedades de pan e cea de confraternidade amenizada con música tradicional. Animación para toda a familia con inchables.
  • 23:30h. Verbena a cargo do GRUPO VILAMARIACHI.
  • 24:00h. Elaboración e degustación gratuíta de queimada.

– Venda de ovos fritos con pan a 2 euros, viño tinto do Salnés a 3 euros, tostas a 2,50 euros e papas de fariña milla ou chulas a 1,50 euros (ata agotar existencias).

– Postos de polbo, pan, empanadas e sobremesas a prezos populares.

– Haberá espazo para 1.000 persoas (non se reservan mesas).

Ven caracterizado na Ribadumia dos anos 50!

Está pasando!