Presentación do concerto de Roi Casal | Concello de Poio

Roi Casal ofrece este venres un concerto con entrada libre en Poio

3 Setembro 2025

  • Será ás 21.00 horas no Parque Costa Xiráldez de Lourido e con entrada gratuíta.
  • Tamén actuará Máis Cantos, que animará o ambiente coas súas cantigas de taberna e música popular.

Roi Casal, un dos grandes expoñentes da actual música galega a nivel internacional, actuará este venres, 5 de setembro, no parque Costa Xiráldez de Lourido.

O concerto, que comezará ás 21:00 horas, será con entrada gratuíta.

Roi Casal presentará o seu último espectáculo “Ambos Mundos”, unha proposta musical que combina os seus recentes singles gravados e producidos nos Estados Unidos con algúns dos seus grandes éxitos.

A posta en escena fusiona ritmos latinos e sonoridades pop coas raíces da música galega, nun formato pensado para conectar co público de todas as idades.

O artista pontevedrés iniciouse como arpista en Milladoiro, unha das formacións máis emblemáticas da música tradicional galega, e tras unha década de traxectoria con eles consolidou unha carreira en solitario cunha importante proxección internacional.

Antes de Roi Casal, actuará a agrupación Máis Cantos, que animará o ambiente coas súas cantigas de taberna e música popular.

Este concerto forma parte da programación cultural que o Concello de Poio está a desenvolver ao longo do ano, cunha ampla oferta de actividades lúdicas, deportivas e musicais en espazos públicos.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou que esta iniciativa “forma parte do noso compromiso por dinamizar as rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo alternativas de lecer accesibles para toda a veciñanza e tamén para quen nos visita”.

“Estamos moi orgullosos de contar cunha programación variada, de calidade e pensada para todos os públicos. Poio é un concello vivo e dinámico, que aposta pola cultura como motor de desenvolvemento socioeconómico”, subliñou Moldes durante a presentación do evento, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e das asociacións de veciños de Lourido e San Salvador.

Está pasando!