Salvaterra celebra os mil anos de historia cun mercado e actividades no Recinto Amurallado

16 Maio 2025

A programación terá lugar o vindeiro 24 de maio e contará con postos e actividades para toda a familia


O vindeiro 24 de maio celebramos os máis de mil anos de historia da vila de Salvaterra de Miño, xa que o primeiro documento escrito que fai referencia a esta localidade foi asinado o 24 de maio do ano 991.

Con motivo desta celebración, o Concello de Salvaterra de Miño prepara un día de actividades no recinto amurallado pensada para todos.

A Concellería de Cultura organiza un mercado-exposición onde comercios, artesáns ou asociacións interesados poderán participar deste evento que terá lugar o sábado 24 de maio de 10:00 a 15:00 horas.

Ademais, o Concello tamén ten programadas actividades para os máis pequenos con xogos populares, unha actividade familiar con acertixos e probas e máis sorpresas.

É no ano 991 cando atopamos o primeiro documento escrito que fai referencia a Salvaterra de Miño, o que a converte nunha auténtica Vila Milenaria. Neste texto o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio, a vila de “Lacedurium” (que foi o nome orixinario do pobo). Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século XIX, durante o cal, os veciños e veciñas pagaron o diezmo á sede santiaguesa.

Tras este episodio, son moitos os documentos nos que se fai referencia ao nome da vila, que progresivamente iría modificándose de “Lacedurium” a “Lazoiro”. A última mención ao topónimo de “Lazoiro” aparece no documento de anulación dos foros da cidade de Tui, realizado polo rei Fernando II en 1170. Sería en tempos de Alfonso IX, que ascendeu ao trono en 1188, cando a vila recibiría o seu topónimo actual, Salvaterra de Miño.

Algunhas teorías apuntan a que este topónimo pode derivar do característico recinto amurallado, cuxa finalidade non era outra que “salvar” o pobo das invasións portuguesas, o que daría lugar ao nome de Salvaterra.

Está pasando!