A Semana do Patrimonio Invisible chega a Pontevedra

9 Xullo 2020

Pontevedra garda nas súas rúas, prazas e edificios un legado histórico e artístico como poucas cidades no mundo poden presumir. Porén, non toda esta herdanza monumental de séculos pode ser visitada durante o ano.

A Semana do Patrimonio Invisible é un ciclo programado polo Servizo de Urbanismo e Patrimonio do Concello de Pontevedra que abre as portas de tesouros, habitualmente fechados, e deseña unhas visitas guiadas de pequenos grupos para que os seus usuarios garden na memoria unha experiencia cultural única.

En cada visita admitirase un máximo de 15 persoas e para asistir é necesario inscribirse previamente a través da páxina web www.patrimonioinvisible.gal

O prazo de inscrición ábrese o venres 10 de xullo ás 09:00 h. e cada solicitante poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.

Prazas esgotadas

Ante a rapidez coa que se cubriron as 270 prazas ofertadas inicialmente para as 18 visitas, o Concello ampliou as prazas e o número de guías. Así, mantendo o horario de cada visita organizaranse dous grupos en cada unha das visitas, que iniciarán o itinerario en puntos diferentes e realizarán o percorrido a través dos mesmos elementos pero en distintos momentos e sen que se produzan interferencias entre os grupos.

 

OS ESPAZOS

Convento de Santa Clara

As ordes mendicantes, como as clarisas, adoitaban situar os seus cenobios fóra das murallas. A este convento, pechado desde 2017, mandaban moitas familias fidalgas ás súas fillas solteiras. O seu interior garda inmensos tesouros como a igrexa de estilo gótico oxival, unha singular ábsida poligonal e un espectacular retablo churrigueresco.

Cemiterio de Santo Amaro

A cidade dos mortos de Santo Amaro reflicte a través dos seus monumentos funerarios un anaco da historia da cidade dos vivos de Pontevedra. Mensaxes agochadas, simboloxías sorprendentes e historias descoñecidas que artellan un relato alternativo da cidade nos últimos 138 anos.

Pazo de Mugartegui

O pazo de Mugartegui é un dos mellores exemplos de arquitectura civil barroca de Pontevedra. A súa incomparable silueta foi retratada polos pinceis dos máis importantes artistas pontevedreses. Na visita viaxaremos polas diferentes estancias ás orixes e vicisitudes deste singular edificio construído a finais do século XVIII como residencia para José Manuel Valladares y Figueroa.

Colexio Sagrado Corazón de Placeres

Edificio de historia apaixonante ligado a Montero Ríos. Construído polo político como pavillón de convidados, converteuse despois no Gran Hotel de Baños de mar dos Placeres e finalmente pasou a ser un centro educativo. A súa impoñente arquitectura é unha lembranza de cando Lourizán era un dos centros políticos e turísticos de Galicia.

Villa Pilar

Extraordinario exemplo de arquitectura ecléctica construída polo indiano Manuel Martínez Bautista a comezos do século XX. Unha reixa de forxa, un recollido xardín con palmeiras, uns dos primeiros balcóns realizados en formigón, balaustrada de estilo inglés e unha escalinata única en mármore de Carrara son algunhas das sorpresas deste palacete

 

PROGRAMA DE VISITAS

Xoves 16

  • 12h. Colexio Sagrado Corazón de Placeres
  • 13h. Villa Pilar
  • 18h. Colexio Sagrado Corazón de Placeres
  • 19h. Pazo de Mugartegui
  • 20h. Cemiterio de Santo Amaro

Venres 17

  • 09:30h. Convento de Santa Clara
  • 10.45h. Convento de Santa Clara
  • 12h. Convento de Santa Clara
  • 13:45h. Convento de Santa Clara
  • 13:30h. Convento de Santa Clara
  • 18h. Colexio Sagrado Corazón
  • 19h. Cemiterio de Santo Amaro
  • 20h. Villa Pilar

Sábado 18

  • 12h. Cemiterio de Santo Amaro
  • 13h. Pazo Mugartegui
  • 18h. Villa Pilar
  • 19h. Cemiterio de Santo Amaro
  • 20h. Pazo de Mugartegui

 

Programa en PDF

Está pasando!