Punkativada 2024 en Arcade | Concello de Soutomaior

Soutomaior celebra a terceira edición do seu festival para a xente miúda, o Punkativada

11 Agosto 2025

  • Música, obradoiros e espectáculos encherán a Carballeira do Peirao de Arcade os días 23 e 24 de agosto coa III edición do Punkativada.
  • Unha cita pola que pasarán Peter Punk, Uxía Lambona e a banda molona ou a Banda dos insectos entre outros…

A terceira edición do Punkativada xa quenta motores. Este festival para a xente miúda celebrarase os días 23 e 24 de agosto na Carballeira do Peirao.

Trátase dunha cita para toda a rapazada do concello e do conxunto da comarca no que tanto os máis pequenos e pequenas como pais e nais poderán desfrutar de concertos infantís, espectáculos e contacontos, obradoiros e moito máis.

Dende o Concello de Soutomaior convidan a todas as familias a vir a desfrutar deste festival para xente miúda nunha das contornas naturais máis fermosas do fondo da ría de Vigo, nun concello con tanto potencial natural e cultural como Soutomaior.

Punkativada 2024 | Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, chamou a toda a rapazada do concello, e da contorna, e ás súas familias a achegarse á Carballeira de Arcade os días 23 e 24 de agosto para “desfrutar dalgúns dos mellores espectáculos infantís que hoxe en día poden verse en Galicia”. “Queremos, un ano máis, que todos os nenos e nenas de Soutomaior e a comarca, e en xeral toda a veciñanza, saquen ese espírito punki que todos levamos dentro e poidan demostrar que para pasalo ben no verán non hai sitio mellor que Soutomaior”.

O evento comezará, nesta terceira edición, o sábado 23 de agosto, onde haberá obradoiros creativos punkies, e pola mañá, tamén chegará o concerto da Banda dos insectos. Xa pola tarde a xornada comezará co directo do grupo As Tareixas, o teatro Moby Dick Pedras e Cartón e un dos pratos fortes da xornada chegará co espectáculo ‘Con Lingua Propia’ de Peter Punk ás 19:30h.

Xa na xornada do domingo 24 haberá moitos obradoiros para participar coa lingua punki, superpoderes das aves ou oficios do futuro… Na mañá do domingo poderemos desfrutar do espectáculo A utópica rondante “de Vilatriste a Vilalegre” de Teatro ao Cubo. E pola tarde, ademais de obradoiros con temática punk, chegará o concerto estrela da xornada co directo de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Con esta programación dende o Goberno Local lembran que todas estas citas son, de balde, para desfrutar en familia, dos obradoiros, espectáculos e da natureza e desta terceira edición da Punkativada dende a Carballeira do Peirao de Arcade.

Está pasando!