Manu Lourenzo e Rosana Comesaña presentan o Entruido de Soutomaior 2026 | Concello de Soutomaior

Todo listo en Soutomaior para a celebración dun Entruido que une baile, tradición e gastronomía

27 Xaneiro 2026

O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña, presentaron esta mañá o Entruido de Soutomaior. Un Entruido que chega pisando forte co seu desfile de comparsas que se celebrará o sábado 7 de febreiro.

Unha cita que comezará ás 17:30h. con saída dende o cruce do Viso. O primeiro tramo do desfile será o “tramo silencioso” para que todas as persoas poidan desfrutar en igualdade de condicións desta cita tan agardada. O tramo silencioso irá, polo tanto, dende o cruce do Viso ata o cruce de Cima de Vila.

Un desfile que estará encabezado polo pregoeiro, que será un ano máis, “Juan de Arcade”, un home popular e coñecido no concello. O desfile rematará en Talo Río, alí, a partir das 20:00h. terá lugar a lectura do pregón, entrega de premios e festa coa actuación do Trío Armonía.

O pregoeiro será o encargado de animar as zonas comerciais do municipio o venres 6 de febreiro. Farao en horario de mañá en Soutomaior, de 11:00 a 13:30h., e, pola tarde, en Arcade de 16:30 a 21:00h.

A seguinte cita do Entruido de Soutomaior será o venres 13, onde as pequenas e pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro desfilarán polas rúas de Arcade enchéndoas de luz e cor. Unha cita que dará comezo ás 10:30h. e sairá dende o cruce de subida do colexio e finalizará na Alameda de Talo Río.

O sábado 14, as pequenas e pequenos seguirán sendo os protagonistas co Entruido Infantil que se celebrará na Alameda de Talo Río. Onde haberá inchables e obradoiros, e tamén estará o Peque Disco MocMoc de Mere Clown con música, circo e clown nunha auténtica disco móbil infantil e familiar, con máquina de fume, pompas de xabón, confeti, malabares con lume, luz e moito humor.

O domingo 15, toda a actividade estará centrada na renovada Praza do Val Sobral, onde terá lugar a Festa do Galo, o Encontro de Entruidos e a Fiada. Unha cita onde haberá música, comida, baile e moita troula!

E para rematar o Entruido, o Concello de Soutomaior volve a recuperar, un ano máis, o Enterro da Sardiña, unha cita que terá lugar o 18 de febreiro, mércores de cinza, e que sairá ás 19:30h. da Praza de Cima de Vila.

O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizar en Cagazó, no campo da petanca onde se despedirá á sardiña. Un evento no que colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.

Na parte de Promoción Económica o Entruido tamén chegará ao comercio e hostalería de Soutomaior co Concurso ‘Vaia Meco’. A concelleira de Promoción económica, convida a toda a veciñanza a “visitar os establecementos comerciais e gozar da ambientación dos seus escaparates cos mecos e versos satíricos”.

Dende o Goberno Local convidan a todo o mundo a desfrutar destas datas xa que “en Soutomaior, o Entruido vívese con humor e retranca!”

Está pasando!