‘Amoriños’ | Aigi Boga

Touriñán e Perdomo revivirán os seus ‘Amoriños’ en Vilagarcía cunha nova función no mes de marzo

19 Xaneiro 2026

  • Os dous cheos absolutos que rexistrou o Auditorio Municipal o pasado 13 de decembro con motivo da representación dos ‘Amoriños’ de Xoán Antonio Touriñán e David Perdomo son a razón polo que o afamado dúo cómico decidiu volver a Vilagarcía con este mesmo espectáculo.
  • Por se alguén quedara sen gozar desta especie de ‘First Date á galega’, a nova cita será o sábado, 14 de marzo, ás 21:00 horas.

En principio, está prevista unha única función pero, de repetirse o éxito da anterior ocasión, cando as 754 entradas do Auditorio se esgotaron en apenas 48 horas, cabería a posibilidade de programar un segundo pase, como se fixo entón.

Touriñán e Perdomo levan xirado con ‘Amoriños’ por toda Galicia e recollendo éxitos por todos os escenarios polos que pasou o espectáculo de Aine Producións. Trátase dunha comedia para público adulto baseada nos programas de encontros para atopar parella.

Co estilo e a retranca que caracteriza a estes dous cómicos, ‘Amoriños’ conta “citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que non deberían xuntarse… pero xúntanse igual”.

Esta nova cita será o sábado, 14 de marzo, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

As entradas xa están a venda en Ataquilla.com dende 16,74 euros. De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do Auditorio a partir das 19:00 horas.

Está pasando!