Presentación de Urbana Monte Porreiro 2025 | Concello de Pontevedra

Urbana Monte Porreiro volverá encher de son Pontevedra entre vangarda, compromiso e sons contemporáneos

1 Agosto 2025

John Pollõn, Hugo Guezeta, Califato 3/4 e Rebeliom do Inframundo son os artistas que configuran o ciclo musical neste verán, que actuarán ao vivo no Miradoiro do barrio os días 5 e 6 de agosto, a partir das 21.00h


John Pollõn, Hugo Guezeta, Califato 3/4 e Rebeliom do Inframundo. Catro propostas, dúas xornadas, un ciclo musical que continúa a medrar e que establece o barrio de Monte Porreiro como a súa base.

Urbana Monte Porreiro iniciou esta mañá a súa conta atrás, presentándose na Praza da Peregrina a través dun grafiti do pontevedrés O’Ras e as palabras do edil de Festas, Demetrio Gómez, e do rapeiro Nervo —integrante de Rebeliom de Inframundo—.

A idea era achegar até o corazón da cidade a presentación oficial dunha proposta de enorme éxito dentro do programa das Festas do Verán, que cada ano logra que centos de persoas suban até o barrio de Monte Porreiro, ao seu Miradoiro, para gozar da música en directo, máis polo miúdo, da música urbana e de novas vangardas melódicas.

O concelleiro lembrou que este ciclo volveuse «un evento fixo» dentro do estío pontevedrés, dirixido de xeito especial á mocidade, e que tenta traer a Pontevedra a músicos comprometidos coa súa música, con especial atención á escena hip-hop tanto do país como estatal.

Urbana Monte Porreiro celebrarase ao longo da vindeira semana, entre os días 5 e 6 de agosto, cunha entrada aberta e libre para toda a veciñanza e visitantes, nun espazo que cada ano gaña en protagonismo e intensidade, e que xa é de sobra coñecido polo público local, sendo un espazo referente pola súa calidade urbanística e natural.

Os concertos iniciaranse ás 21.00h os dous días e tamén se realizará unha exhibición de grafiti da man de O’Ras.

Está pasando!