Presentación da II Andaina e Carreira por Ucraína | Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía acollerá a II edición da andaina e carreira solidaria por Ucraína o 27 de setembro

4 Setembro 2025

  • A inscrición xa está aberta a través de emesports.es con prezos que varían dos seis aos doce euros.
  • Todo o recadado irá destinado á asociación AGA Ucraína. Tamén hai a posibilidade de doar 1 euro a través dos “dorsais solidarios”, para as persoas que queiran colaborar pero non poidan facer as probas.
  • “Dende que Arousa Moza nos plantexou a idea de celebrar unha proba con fins benéficos contou co noso respaldo”, apuntou o concelleiro de Deportes, Carlos Coira.

O Concello de Vilagarcía de Arousa encárgase da cesión do espazo, de supervisar os percorridos e que a xornada cumpra con todas as garantías. “Animamos a todos a participar, de xeito activo ou achegándose á zona para animar aos corredores”, engadiu Coira.

O día comezará cunha andaina de 12 quilómetros con saída dende a praza da II República ás 10:00 horas. O itinerario contempla a subira ata o monte Lobeira.

Pola tarde será a quenda dos corredores. As categorías van da sub-10 á sub-18, ademais da absoluta. O percorrido varía dependendo da idade. Así, os veteranos serán os que máis distancia fagan (10km), avanzando por avenida da Mariña, Rivero de Aguilar e Valle Inclán ata a rotonda do Mercadona e volta pola mesma ruta.

“Oxalá non fose necesario repetir esta cita, porque iso significaría que a guerra en Ucraína rematou”, apuntou Borja Santamaría, membro de Arousa Moza, a asociación organizadora. A entidade conta co apoio de Obra Social La Caixa, co que todo o recadado irá integramente para AGA Ucraína: “Os cartos servirán para financiar dous proxectos: o ‘desminado’ de zonas en guerra e o envío de vehículos medicalizados”, explicou Santamaría.

A entidade bancaria tamén financiará os autobuses que traerán a Vilagarcía a decenas de ucranianos que se atopan vivindo na comunidade: “Estamos encantados de prestar axuda á asociación e esperamos que se recade toda a axuda posible”, pechou Natalia Manso, portavoz da La Caixa.

Está pasando!