Presentación das Festas de San Roque 2025 | Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía festexará San Roque con máis de medio centenar de actividades do 14 ao 24 de agosto

7 Agosto 2025

  • Vilagarcía quenta motores para a celebración das festas de San Roque con máis de medio centenar de actividades entre os días 14 e 24 de agosto.
  • Aos concertos xa anunciados -David Bustamante, Ainhoa Arteta, Mondra ou Cristian Silva- súmanse Marlena, Festicultores, Intro Cover e Arousa Bay.
  • O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentaron o programa completo esta mañá nunha rolda de prensa nos xardíns de Ravella.

O rexedor sinalou que “non hai ningún concello que teña unhas festas tan longas e completas como o noso”, cunha programación “variada e descentralizada” que vai dirixida “a todos os públicos”.

A maiores, este ano os días máis populares (15 e 16 de agosto) cadran en fin de semana, polo que se espera “unha afluencia moi significativa de xente”.

A edil de Cultura, Sonia Outón, presentou as últimas novidades da programación das Festas de San Roque: o xoves 21 ás 22:30 horas, con entrada de balde, Marlena, “un dúo pop que está no seu mellor momento a nivel nacional e que conta con algunhas cancións do máis coñecidas coma “Me sabe mal”, “Red Flags” ou “Último Baile””.

No marco do ‘Son da Casa’, ademais das actuacións xa confirmadas do carrilexo Cristian Silva (día 17) e de Señora DJ (22 de agosto), Vilagarcía contará coa presenza de Intro Cover e Festicultores Troupe o día 15 a partir das 21:30 horas da noite na Praza de Galicia e polas rúas da cidade, respectivamente. A maiores, o 16 de agosto estará Arosa Bay no Salón García ás 21:30 horas.

O resto de concertos son ‘+dManá’ (14 agosto); Ainhoa Arteta (18 de agosto); Toreros Muertos (19 de agosto); Bustamante (20 agosto); Mondra (22 de agosto). “Como non podía ser doutro xeito, todos os días teremos animación con pasarrúas e as Cantareiras Bulideiras, homenaxeadas este ano polo Día das Letras Galegas”, engadiu Outón.

Pregón a cargo de Gus Andújar

O rexedor fixo especial fincapé en “invitar a todos os vilagarciáns e a quen nos visite a acudir ao pregón das festas”, a cargo este ano de Gus Andújar, todo un referente local e que falará en nome do recentemente ascendido CLB: “A súa figura é parte fundamental da historia deportiva da cidade”, apuntou Varela.

Será o día 14 ás 20:30 horas dende o balcón de Ravella. Ás 21:00 horas terá lugar a ofrenda floral en praza de España, con saída dende a Casa Consistorial, avenida Xoán Carlos I; xardíns de Ravella; rúa Ramón e Cajal, praza de Galicia; Castelao; Xeneral Pardiñas e rúa Covadonga ata a praza.

Na Festa da Auga, de Interese Turístico Nacional ao formar parte da programación de San Roque, “os protagonistas, coma sempre, serán os veciños e veciñas, que poderán comezar a lanzar auga unha vez remate a procesión”. O Combate Naval será o día 23, e ao día seguinte, pechará a festa a Batalla das Flores.

“Rematan as festas pero non remata a programación cultural de Vilagarcía: como sempre dicimos a nosa é unha cidade aberta os 365 días do ano”, puntualizou o alcalde. A Noite das Meigas, o sábado 30, o Folk no Alobre será o domingo 31; o Ameixa Rock o 6 e 7 de setembro e o Festival Revenidas do 11 ao 14 do mesmo mes.

Está pasando!