Combate Naval nas praias da Concha e Compostela | Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía prepárase para un Combate Naval no que se tirarán 7.000 fogos e que contará con “varios efectos luminosos novidosos”

22 Agosto 2025

  • Vilagarcía prepárase para vivir unha das noites máis máxicas do verán: a do tradicional Combate Naval.
  • Dende a empresa Pirotecnia Penide, que leva máis de 30 anos facéndose cargo do espectáculo, Arturo Penide dá algunhas pistas: lanzaranse 7.000 fogos e apostarán por “varios efectos luminosos novidosos, como os de forma de abanico”, aínda que dende a empresa non queren dar máis detalles para que a xente se achegue a desfrutalos.

A cita deste sábado, manterá o esquema tradicional, combinando a tirada dende o peirao do Ramal e dende o mar. Este ano o lanzamento acuático volverá a ser dende tres plataformas flotantes diferentes, para dar máis espectacularidade e realismo á batalla.

O espectáculo comezará ás 00:00 horas e durará 22 minutos, nos que se lanzarán uns 600 quilos de pólvora e se utilizarán ata 14 cores diferentes. A tirada rematará cunha traca de “voladores”, que son característicos do final do ‘show’.

Para o responsable de Pirotecnia Penide o mellor patio de butacas “é indudablemente a praia da Concha-Compostela”, por iso anima a vilagarciáns e visitantes a achegarse con tempo á zona. En canto ás condicións meteorolóxicas, o recomendable sería unha noite despexada e con algo de vento: “O ideal serían uns 10 km/h e que non sopre en dirección ao público, porque senón arrastraría o fume e iso dificultaría a visión”, apuntou Arturo Penide.

Pola súa parte, as persoas que se acheguen á praia para ver o espectáculo de luces deberán acceder e abandonar o areal polas zonas marcadas.

Hai cinco: o paseo marítimo bordeando o Ramal dende a TIR; polo parque da Concha dende avenida Rosalía de Castro; na zona central do areal por unha das travesías dende a avenida; polo parque da Compostela; e xa na zona máis próxima ao Carril, por outra das travesías que conectan o paseo marítimo con Rosalía de Castro.

CORTES DE TRÁFICO

Como é habitual, e co fin de garantir a seguridade aos asistentes, realizaranse algúns cortes de tráfico escalonados.

Ás 15:00 horas haberá que retirar todos os vehículos estacionados na avenida da Mariña e Elpidio Villaverde, onde tampouco se permitirá a circulación dende esa hora, debido á celebración da verbena do Grupo América de Vigo, e á necesidade de montar o escenario no cruzamento entre ambas rúas. Esta medida manterase vixente ata a primeira hora do domingo 24 (07:00h), cando se retire o palco e se reabra a circulación.

Ás 23:20 horas cortarase a circulación dende a rotonda do Cavadelo por avenida Rivero de Aguilar. Os vehículos poderán chegar ata a glorieta pero só para dar a volta por avenida Valle Inclán ou cara a praza de Doutor Carús.

Tamén se cortará o acceso dende avenida Rosalía de Castro, en concreto dende o entronque con rúa Concha. Os condutores poderán chegar ata aí e dar a volta por rúa Mulatas en dirección O Carril. O mesmo sucede coa avenida Juan Carlos I, cuxos usuarios só poderán chegar á rotonda do Ramal e subir cara a estación de tren, ou dar a volta e volver por onde viñeron. A circulación reabrirase a partir das 00:30 horas e unha vez remate a evacuación dos espectadores.

Pola tarde tamén se colocará sinalización na rotonda de Luz Salgada, na de Bamio, e a altura da gasolineira en San Roque, aconsellando a utilización da circunvalación para evitar que circulen polo centro da cidade. En calquera caso, haberá axentes da Policía Local despregados na zonas cortadas para axudar e informar a peóns e condutores.

Está pasando!