Presentación da iniciativa ‘Nadal para todxs’ | Concello de Vilagarcía

Volve ‘Nadal para Todxs’, os paseos na carroza de Papa Noel para maiores dependentes ou persoas con calquera tipo de diversidade funcional

23 Decembro 2025

  • O proxecto, que celebra a súa segunda edición, ten como obxectivo achegar o Nadal a todas as persoas da cidade de Vilagarcía de Arousa.
  • Os organizadores destacan a excelente acollida da iniciativa o pasado ano, onde se cubriron todas as demandas de viaxes, con excelente resultado, sendo una experiencia inesquecible tanto para as persoas usuarias como para as voluntarias e voluntarios participantes.
  • Consiste nun paseo na carroza de Papá Noel para amosar o alumeado e a decoración de Nadal da cidade a maiores dependentes ou persoas con calquera tipo de diversidade de todas as idades.
  • Un agasallo de toda a cidade para todas as persoas que desfruten do servizo, tamén é un pequeno recoñecemento a familiares e coidadores/as que cada día traballan arreo para o benestar destas persoas.

A iniciativa de Zona Aberta e profesionais de Vilagarcía, conta co apoio de Arousa en Bici, Arousa Bike BTT, BTT Trotacumios, Triatlón Vilagarcía e co respaldo do Concello.

O paseo consiste nunha visita de 30 minutos para admirar a decoración de Nadal, con saída desde Moto Bazar. Finaliza cun chocolate e un biscoito.

Está dirixido a maiores dependentes ou persoas con diversidade de calquera tipo e pode solicitalo un familiar ou coidador/a. A viaxe será na compaña dun familiar ou coidador/a. No caso de persoas cun grado menor de dependencia, poderían viaxar dúas persoas xuntas se así o solicitan. As viaxes deben ser solicitadas en Moto Bazar ou calquera negocio adherido a Zona Aberta.

Os organizadores tamén fan un chamamento á participación de toda a cidadanía para todas as persoas que desexen dar unhas pedaladas por unha boa causa e compartir a experiencia cos viaxeiros/as. O requisito é ser maior de idade, levar algún atuendo de Nadal e, sobre todo, gañas de pasalo ben.

Están invitadas todas as institucións e asociacións que traballan a diario no coidado e integración das persoas dependentes, solicitando información en Moto Bazar ou contactando coa organización. De feito, o Centro de Día Vilagarcía e a Fundación Lar Pro Saúde Mental xa confirmaron a súa participación. De feito, ambos centros xa participaron na pasada edición do ‘Nadal para Todxs’, onde ademais do paseo en bici, recibiron a visita de Rodelfo, O Elfo Vilagarcián, que prometeu que tamén volvería este ano.

Zona Aberta aporta a merenda para as persoas que participan na actividade. Os clubes Arousa en Bici, Arousa Bike BTT, BTT Trotacumios e Triatlón Vilagarcía aportarán unha vez máis as pedaladas que moverán a carroza de Papá Noel, que é cedida por Pablo Jueguen e Cristina Durán, promotores da iniciativa. O Concello de Vilagarcía entregará un pequeno agasallo ás persoas usuarias.

‘Nadal para Todxs’ funcionará dende o luns 22 de decembro 2025 ata o 3 de xaneiro 2026, sempre que a meteoroloxía o permita. As saídas serán entre as 18.30 e as 20:30 horas, agás domingos, e os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro.

O número de viaxes será ampliable no caso de ser preciso e dispoñendo do voluntariado necesario.

Está pasando!