‘Ándale, bon appêtit!’ | Teatro dos Ghazafelhos

Volven os Domingos do Principal con 6 espectáculos para público infantil e familiar

19 Setembro 2025

  • As representacións terán lugar entre o 12 de outubro e o 23 de novembro e contarán con pase ás 12.00 e ás 18.30 h.
  • Xanpatito Pato, Producións Excéntricas, Píscore e Teatro dos Ghazafelhos son as compañías galegas que levarán ao Principal circo teatro, teatro de actor, comedia musical e clown.
  • A murciana Onírica Mecánica apostará polo teatro contemporáneo e, chegada desde Euskadi, Marie de Jong polo teatro mudo de máscaras.
  • Á venda en Ataquilla.com os abonos a un prezo de 18 € e as entradas para cada pase a 4€.

Demetrio Gómez na presentación dos Domingos do Principal | Concello de Pontevedra

Demetrio Gómez, concelleiro de cultura de Pontevedra, presentou unha nova tempada do ciclo de teatro para toda a familia Domingos do Principal.

“Seguimos completando a programación para este últimos meses de ano desta volta cunha proposta para o público máis especial e esixente que temos aquí en Pontevedra que é a cativada. Un programa que fixo con moito traballo Teatro Akatro e que terá lugar como vén sendo habitual os domingos ás 12.00 h e 18.30 h.

Xanpatito Pato, Producións Excéntricas, Píscore e Teatro dos Ghazafelhos son as compañías galegas que levarán ao Principal circo teatro, teatro de actor, comedia musical e clown.

A murciana Onírica Mecánica apostará polo teatro contemporáneo e, chegada desde Euskadi, Marie de Jong polo teatro mudo de máscaras.

As entradas para cada un dos espectáculos terán un prezo único de 4 euros. Tambén se poderán adquirir abonos para os seis espectáculos por 18 euros en Ataquilla.com.

De non esgotarse, estarán á venda unha hora antes de cada pase na billeteira do Teatro Principal.

‘Compaña’ | Xanpatito Pato

DOM 12 OUT • ‘COMPAÑA’ de Xanpatito Pato (Galiza)

Un personaxe solitario en busca de compaña explora a imaxinación do público para dar vida a cada un dos seus pensamentos. Este proceso faino sentir en compañía e abre un camiño cheo de sorpresas e risos.

Un espectáculo no que o teatro de monicreques e o mundo do circo se entretecen nunha fermosa historia onde todas as engrenaxes xiran á perfección creando un mundo surrealista e onírico nun relato sen palabras.

Circo teatro.

Duración: 50 minutos.

Recomendado a partir de 6 anos e público adulto.

‘Monstros’ | Sabela Eiríz

DOM 19 OUT • ‘MONSTROS’ de Producións Excéntricas (Galiza)

É unha visión terríbel, pavorosa. Intúense seres saídos dos peores pesadelos agachados entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro? Si, iso parece.

Monstros é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquilo que consideramos monstruoso e que talvez por iso nos fai sentir terror. Pero faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta.

Premio María Casares 2025 ao mellor espectáculo infantil.

Teatro de actor.

Duración: 50 minutos.

Recomendado a partir de 8 anos.

‘Verne’ | Onírica Mecánica

DOM 26 OUT • ‘VERNE’ de Onírica Mecánica (Murcia)

Verne é unha invitación a sobrevoarmos o universo das novelas de aventuras creadas por Jules Verne, mais tamén a imaxinarmos futuros nos que volver xerar relatos quiméricos afastados do pesimismo actual.

Un lugar onde vencer novas batallas, conquistar lugares case descoñecidos e pór de novo en valor a calidade humana que nos fai diferentes: a nosa capacidade de imaxinar.

Teatro contemporáneo.

Duración: 60 minutos.

Recomendado a partir de 6 anos e público adulto.

‘Molto Barroco’ | Píscore

DOM 9 NOV • ‘MOLTO BARROCO’ de Píscore (Galiza)

‘Molto Barroco’ é unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro.

Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o rei encarga ao compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre os tres músicos de cámara, o rei, a súa prometida e, se cadra, futura raíña e o compositor.

Un triángulo amoroso que contará coa complicidade dun bufón de actitude irreverente.

Espectáculo seleccionado para o certame Barroco Infantil do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2024

Comedia musical

Duración: 70 minutos

Recomendado partir de 5 anos.

‘Ándale, bon appêtit!’ | Teatro dos Ghazafelhos

DOM 16 NOV • ‘ANDALE BON APPETIT’ de Teatro dos Ghazafelhos (Galiza)

‘Ándale, bon appêtit!’ é unha reposición que fai Teatro dos Ghazafelhos da súa exitosa obra ‘Bon appêtit’.

Nesta ocasión, os nosos queridos chefs Felipe, Antonio e Francisco prepararán deliciosos pratos mexicanos facendo un pequeno repaso pola historia do país.

Tamales, enchiladas, tacos… unha chea de receitas aderezadas co humor dos Ghazafelhos e acompañadas coa aparición de personaxes como Pancho Villa ou Frida Kahlo. Coma sempre, a participación do público será imprescindíbel.

A peza foi finalista como mellor proposta para público familiar nos Premios María Casares 2024.

Comedia clown.

Duración: 50 minutos

Recomendado partir de 5 anos.

‘Mr BO’ | Marie de Jong

DOM 23 NOV • ‘Mr BO’ de Marie de Jong (Euskadi)

Tres criados levan toda a vida servindo o señor Bo. Xa non saben facer outra cousa. Están tan afeitos a cumprir as ordes do amo, que esqueceron o día no que tiveron a oportunidade de berrar «abonda».

Puideron facelo cando Bo era un neno. Agora é un adulto rosmón e parece demasiado tarde. Os tres criados xogan a imaxinar como sería o mundo se eles fosen os señores da casa.

Que pai ou nai non pensa, nalgún momento, que criou un pequeno ditador? Como nos comportamos cando nos encontramos, cara a cara, coa tiranía?

Premio mellor espectáculo de La Mostra de Igualada 2024.

Espectáculo finalista Premios Max de teatro 2025.

Teatro de máscaras, mudo.

Duración: 50 minutos.

Recomendado partir de 5 anos.

Está pasando!