O Concello de Bueu conmemora mañá o Día Internacional Contra as Violencias Machistas

24 Novembro 2022

Os actos centrais terán lugar este venres 25 de novembro, cunha concentración e declaración institucional, unha performance e a proxección dun filme


O Concello de Bueu, a través da Concellaría de Igualdade, organiza este venres unha serie de actividades con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas.

Os actos centrais terán lugar na Praza Massó ás 12:00 horas cunha concentración en repulsa das violencias machistas na que tamén se lerá o manifesto institucional con motivo desta data, que se centrará na reclamación de máis fondos para os Centros de Informacións ás Mulleres, posto que son o recurso primeiro que teñen moitas mulleres vítimas de violencias machistas.

A continuación, ás 12.30 horas, está programada a performance ‘A última cea’, tamén na Praza Massó, aínda que se chove as actividades se trasladarán ao Centro Social do Mar. ‘A última cea’ está interpretada por Uxía Morán, actriz licenciada pola Escola de Arte Dramático de Madrid, e con ela búscase achegar, a través do xogo das imaxes corporais, musicais, da danza, do corpo… a realidade que viven miles de mulleres dentro dos seus fogares, en silencio. A peza reflexiona arredor da última cea, o último baile, a última respiración…

E como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o Cineclub Bueu tamén colabora coa programación desta data, e proxectará o mesmo venres ás 21.00 horas o filme ‘Unha moza prometedora’, que se poderá ver no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar capacidade. A película, dirixida por Emerald Fennell, conta a historia de Cassie, quen tiña un brillante futuro por diante ata que un desagradable incidente truncou a súa carreira. Agora nada na súa vida é o que parece: é intelixente, audaz e vive unha dobre vida de noite. Cassie ten a oportunidade de emendar todo o que non saíu ben no seu pasado, vingándose dos culpables.

Ana Isabel Otero, concelleira da área, apunta que “como xa vimos facendo ao longo dos últimos anos, cremos que é importante concienciar dende as idades máis temperás, e por iso estas semanas teremos obradoiros de igualdade tanto para primaria como secundaria”. Os talleres propostos son un contacontos feminista para infantil e primaria, do que poderá gozar o alumnado do Ceip Plurilingüe Torre Cela, Ceip Plurilingüe A Pedra, Ceip Plurilingüe Montemogos e CPR Virxe Milagrosa, mentres que os centros de secundaria, concretamente o IES Illa de Ons e o IES Johan Carballeira, terán a performance ‘A última cea’.


Está pasando!