Alberto Oubiña na presentación de ‘Bótalle un Conto’ | © Concello de Pontevedra

A arte de narrar historias terá de novo premio coa segunda edición de ‘Bótalle un Conto’

15 Marzo 2023

  • O programa municipal promove esta competición interparroquial co fin de poñer en valor a riqueza lingüística do país a través das lendas e historias que transmitimos na oralidade
  • A veciñanza que se inscriba poderá acudir nas datas adecuadas até o centro social que corresponda para gravar o seu conto e ver se chega á gran final do 21 de maio, aberta ao público

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou onte unha nova edición de ‘Bótalle un Conto’, iniciativa que naceu o ano pasado e que atopou este 2023 unha continuidade motivada polo éxito da súa primeira convocatoria entre a veciñanza.

Que é ‘Bótalle un Conto’? Un programa municipal que xa está en marcha que procura poñer en valor a riqueza lingüística do país, a través dos contos, das lendas, en definitiva, «das historias que temos neste concello», empregando o galego como ferramenta de cohesión e unión, mais tamén como ferramenta de socialización entre os distintos veciños e veciñas da parroquia e da cidade.

Na práctica, ‘Bótalle un Conto’ é unha especie de competición interparroquial, mais tamén entra en xogo a vila, co fin de atopar ao mellor contador ou contadora de historias do municipio de Pontevedra. «A primeira edición chegou marcada pola pandemia, xa non tanto polas restricións, senón máis ben ao uso dos centros sociais, onde só podían ser usados algúns», explica Oubiña. Así, nesta nova edición, cóntase xa de inicio con chegar a moito máis público.

«Desta volta non haberá escusa. Todo o mundo que queira poderá participar. Queremos animar a toda a veciñanza a participar en Bótalle un Conto. O proceso para facelo é moi sinxelo: habilitamos unha serie de datas nos locais sociais das parroquias para que a veciñanza se achegue nun intre concreto e participar na gravación do seu conto, cunha duración máxima de catro minutos», indica o edil.



Un xurado especialista decidirá cales son os mellores, para así logo ser celebrada a gran final no centro social de Santa María de Xeve, copiándolle o formato a Eurovisión, sendo a parroquia que gañe a que acolla a final do vindeiro ano. Neste 2023 será o 21 de maio, ás 18.30 horas. Será un acto aberto ao público.

Haberás premios. Repartiranse un total de tres ceas para dúas persoas para os contos máis valorados na final, co obxectivo de dinamizar a hostalaría local. Ademais, o gañador absoluto
poderá gozar dun menú degustación para dúas persoas, tamén nun restaurante do municipio.

A continuación é posíbel consultar as datas para asistir ás nomeadas gravacións. Cómpre inscribirse antes, ben chamando ao teléfono de contacto 986 852 271, ben na web do Concello.

  • Luns 20 de marzo, 19 h. Local Social de Pidre, Cerponzóns
  • Martes 21 de marzo, 17 h. Centro Cultural de Santa María de Xeve
  • Martes 21 de marzo, 19 h. Teleclub de Santo André
  • Xoves 23 de marzo, 17.30 h. Casa parroquial de Marcón
  • Venres 24 de marzo, 17 h. Local Social de Lusquiños, Tomeza
  • Luns 27 de marzo, 16.30 h. Local Social de Cons, Mourente
  • Luns 27 de marzo, 19 h. Local Social de Verducido
  • Martes 28 de marzo, 16 h. Local Social de Reiriz, Alba
  • Martes 28 de marzo, 19 h. Local Social da Devesa, Alba
  • Venres 31 de marzo, 17.30 h. Local Social dos CAMPOS, Mourente
  • Luns 10 de abril, 17.30 h. Local Social do Salgueiral, Bora
  • Luns 10 de abril, 19 h. Colexio de Pío, Bora
  • Martes 11 de abril, 19 h. Local Social de Cabaleiro, Campañó
  • Mércores 12 de abril, 20 h. Casa do Mercado, Lourizán
  • Xoves 13 de abril, 17 h. Local Social de Cacheiro, Canicouva
  • Venres 14 de abril, 19 h. Casa da Cultura de Lérez
  • Luns 17 de abril, 18 h. Casa Verde de Salcedo
  • Martes 18 de abril, 19.30 h. Local Social do Gorgullón
  • Mércores 19 de abril, 18 h. Local Social de Ponte Sampaio

Está pasando!