Concurso de Maios na Seca | © Concello de Poio

A Concellería de Cultura de Poio recupera a Festa dos Maios cun concurso no que se repartirán máis de 5000 euros en premios

13 Abril 2022

Logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia da COVID-19, a celebración dos maios volve a Poio recuperando todo o seu esplendor. A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, confirmou que “o vindeiro día 1 poderemos volver a gozar cunha das citas máis emblemáticas do noso concello, a través da cal preservamos o patrimonio cultural e fomentamos o interese pola nosa tradición”. Deste xeito, volverá o Concurso dos Maios, que nesta ocasión se desenvolverá na explanada da Seca (11.00 horas), onde, en caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, instalarase unha carpa.

Tal e como informou a edil do Goberno local, neste certame repartiranse máis de 5.000 euros en premios. Todos os maios participantes contarán de partida con dúas roscas de agasallo e unha dotación de 200 euros por inscribirse. Con respecto ás categorías, premiaranse os tres  deseños que obteñan as puntuacións máis altas por parte do xurado nas categorías de Mellor Conxunto, Mellor Maio, Mellor Copla, Mellor Coroa, Mellor Actuación e Mellor Barco Galego tradicional.  Na tarde do mesmo domingo 1 de maio, a celebración trasladarase á Praza da Chousa, escenario que acollerá a Mostra de Maios que organizan o propio Concello e o Ateneo Corredoira. Rodríguez Alonso apunta que a música tamén terá o seu protagonismo, toda vez que na Seca está prevista a actuación da Asociación Vides Novas na Seca, mentres que pola tarde en Combarro a Escola de Música Tradicional de Poio ofrecerá outro concerto.

“Para nós é unha alegría poder recuperar, logo de dous anos de ausencia, a Festa dos Maios, na que tanto se implican os colectivos locais á hora de realizar os deseños e de compoñer as coplas”, recalca a edil de Cultura, que lembra que tanto en 2020 como en 2021 foi preciso desenvolver iniciativas alternativas para “manter vivo o espírito desta data emblemática”, a través de exposicións e accións nas redes sociais. Este ano, esta cita tan vencellada á tradición forma parte do programa Verbas en Flor, unha axenda cultural impulsada polo departamento dirixido pola nacionalista Raquel Rodríguez, en colaboración coas áreas de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, que inclúe diversas actividades a desenvolver ao longo de toda a primavera.

Está pasando!