‘A defensa da vila’ | © Diego Seixo, 2019

‘A defensa da vila. María Soliña’ volve ás rúas de Cangas do 7 ao 9 de outubro

29 Setembro 2022

  • A festa conmemora a defensa da Vila de Cangas no asalto dos piratas turco-berberiscos
  • Celebrarase os días 7, 8 e 9 de outubro e a representación da obra teatral ‘A defensa da vila María Soliña’ será domingo ás 18:30 horas
  • Coa participación de moitos colectivos sociais e veciñais tamén haberá Feira dos Invasores 1617 nos Xardíns de Soage

Todo volve á normalidade tras a pandemia e, por tanto, a representación da obra teatral ‘A defensa da vila. María Soliña’ tamén regresa ás rúas de Cangas.  A festa será os días 7, 8 e 9 de outubro aínda que a obra, eixo central de toda a programación da fin de semana, non poderá verse ata o domingo ás 18:30 horas.

Como era tradicional ata que o Covid freou en seco calquera costume, contará con escenas en vivo en oito puntos do centro do municipio. O primeiro terá lugar na Alameda Vella e escenificará un dos momentos previos ao desastre. A continuación terá lugar o desembarco nas Naves de Ojea, máis tarde a praza do Eirado do Costal mostrará o despois do desastre e a continuación a Fonte de San Leonardo acollerá a detención de María Soliña. O Palco da Música da Alameda será a contorna para rememorar o aldraxe da canguesa para despois trasladar a representación á praza da Constitución onde se celebrará o xuízo. E antes de finalizar, dous momentos importantes: o encontro con Pedro Barba no Eirado do Sinal e o cumprimento da sentenza de morte de María na cruz.


Aínda que durante a pandemia non se deixou no esquecemento esta festividade, se é certo que se adaptou ás circunstancias e realizouse atendendo ás restricións do momento. Por este motivo, esta volta ás rúas canguesas é a principal novidade da edición deste 2022. As outras, a celebración da Feira dos Invasores 1617 nos xardíns de Soage e a creación da Asociación Cultural A Defensa da Vila, que se atopa en constitución e que estará composta por colectivos participantes no evento, ademais de calquera persoa que queira colaborar activamente. Tamén nace www.adefensadavila.com, unha web que recolle toda a información relativa a María Soliña e á representación teatral ao longo da súa historia. Os comerciantes interesados en instalar un posto na Feira poderán inscribirse a través desta plataforma ata mañá. Desde a organización, en palabras de Nicolás Avilés, deuse este paso co fin de “poñer en valor” esta festa e a figura de María Soliña “á que acusaron de bruxa cando non o era”.

Feira dos Invasores 1617

A Feira dos Invasores 1617 é un mercado ambiantado no Cangas de 1617. A feira estará activa do venres 7 ó domingo 9 de outubro nos Xardíns Félix Soage (Alameda Vella) de Cangas.

A presentación de solicitudes realizarase ata o mércores 28 de setembro de 2022.

O mobiliario e as estructuras dos postos deberán estar ambientados na época na que se conmemora o evento (1617): madeira, palla, liño, tela de saco, pratos e vasos de barro, cristal ou cartón biodegradable (non permitidos envases de plástico).

Entre os postos do mercado teremos artesáns coa venda de productos feitos a man e tamén postos de demostración de oficios: alfareiros, ferreiros, cesteiros, canteiros, redeiras, carpinteiros…

Tamén haberá postos de alimentación: pan, empanadas, empanadillas, filloas, queixos, embutidos, tortillas, chourizos, choripan, xamón asado, polbo, biscoitos, magdalenas, bicas, mel… e tamén bebida: viño, cervexa, auga, zumos, refrescos…


O actor moañés Salvador do Río, presente na presentación feita no Concello de Cangas, destacou a importancia de regresar ás rúas de Cangas e fixo fincapé no “éxito” que supón que “haxa tanta xente implicada” nesta edición para permitir que A defensa da vila María Soliña “siga crecendo”. “aínda que haxa persoas que xa a viron, sempre van atopar algo diferente”, apuntou do Río. Na mesma liña interveu a concelleira de Cultura, Aurora Prieto, que definiu esta función como “a máis participativa” pola gran cantidade de colectivos involucrados.


Chamamento á participación

A alcaldesa, Victoria Portas, xunto coa organización, fixo un chamamento á “participación” de todos os cangueses e de quen poida visitar Cangas esa fin de semana nos eventos previstos para os tres días ao tratarse dunha festividade “patrimonio deste Concello”. “María Soliña é parte da nosa historia e, aínda que cun final dramático, axudou a poñer en valor os patróns do feministas da época que agora nós poñemos en práctica. É un símbolo para Cangas”, definiu Portas.

(fonte: www.morrazonoticias.com)

Programa ‘A Defensa da Vila. María Soliña (2022)’ en adefensadavila.com/programa


 

Está pasando!