A Deputación de Pontevedra pon en marcha visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade

11 Outubro 2022

A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos centros educativos, das asociacións ou doutros colectivos, organizados en grupos de ata 35 persoas, a realización de visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade.

A Finca Mouriscade é un centro de referencia en Galicia de análise e investigación avanzada sobre a alimentación, as enfermidades e a xenética dos animais, especialmente das vacas de raza frisoa, que son as máis comúns na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero tamén do gando porcino e da cabana de aves. Neste centro traballa un equipo de máis de trinta profesionais de distintas áreas, todas e todos cun mesmo obxectivo: mellorar o coidado, a nutrición, a saúde e a produción de leite dos animais.

As visitas realizaranse todos os martes non festivos, desde o 11 de outubro de 2022 ata o 20 de abril de 2023, en dúas quendas: unha ás 10:00 h e outra ás 12:00 h e terán unha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos.

As persoas visitantes poderán coñecer o centro que se divide en tres áreas:

  • O laboratorio. Conta con especialistas e medios de última xeración para coñecer a calidade dos alimentos do gando e previr enfermidades; tamén se analizan auga e xermes.
  • A granxa. Nela trabállase na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria. Nacen tenreiras dos mellores exemplares e grazas ao seu labor as gandeiras e gandeiros poden ter animais máis saudables e produtivos. Os refugallos que se producen na Finca Mouriscade se utilizan na fabricación de enerxía para autoconsumo na planta de biogás.
  • As terras de cultivo. O terreo ocupa unha superficie de 44 hectáreas e gran parte está destinada a cultivos de millo e praderías, que nos permiten realizar ensaios para mellorar a alimentación do gando, ademais de investigar sobre os fertilizantes.

Por razóns de organización e eficacia na realización da visita, o grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 35 integrantes, incluído en ambos os casos a ou o responsable, quen acompañará as e os integrantes en todo momento.

Se o grupo supera o número máximo establecido, deberá solicitarse o número de visitas necesarias en función do número de integrantes do grupo. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 72 horas á data proposta na páxina web mouriscade.depo.gal


Instalacións de Mouriscade | © Deputación de Pontevedra

Historia da Finca Mouriscade

O laboratorio da Finca Mouriscade foi creado en 1990 pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de dar resposta ás necesidades do sector gandeiro, mellorar as explotacións da provincia e aumentar a calidade do leite que producen. En 2015 renováronse as súas instalacións, con preto de 1.700 metros cadrados, e incorporouse nova maquinaria coa que satisfacer a gran demanda do sector.

A implicación da institución provincial no desenvolvemento da agrogandería comezou en 1973, cando realizou un estudo sobre os animais das explotacións da provincia que confirmou a ausencia de cabezas de alta calidade. A raíz deste traballo a Deputación adquiriu a Finca Mouriscade, que conta cunhas 44 hectáreas de terreo, e comezou a importar vacas frisoas doutros países europeos para introducilas e recrialas na provincia.

A seguinte aposta da Deputación foi a creación do laboratorio, en 1990, que traballa na seguridade agroalimentaria a través de análises de forraxes, pensos e materias primas, análises de augas e a identificación de xermes e antibiogramas en mostras de leite.

A día de hoxe realízanse análises tanto para as explotacións gandeiras da provincia (para as que son de balde) coma para o resto de España, Portugal e incluso outros países europeos, desde os que hai unha gran demanda. De feito, realízanse máis de 60.000 análises de mostras cada ano.


 

Está pasando!