‘Bailador’ | © Deputación de Pontevedra

A Deputación quere festexar este 29 de abril, Día da Danza, cunha alianza entre culturas en diálogo: Galicia e a Arxentina

27 Abril 2022

A Deputación de Pontevedra, en colaboración co Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo, presenta unha dobre xornada coa danza, que cruza fronteiras e mares, coa expresión do corpo máis achegada á terra, á tradición, á nosa identidade cultural, mais tamén aquela que baila vangarda, innovación e experimentación.

A Deputación festexa esta cita cun dobre acto nas sedes da institución provincial en Pontevedra e en Vigo, nos que porá en valor o intercambio cultural a través da danza e da música en vivo, en diálogo coa cidadanía e co espazo público.

Desde a Arxentina achegan o tango, con varias parellas da man dunha arxentina afincada en Vigo e con moita traxectoria: Laura Díez. E que mellor forma de gozar deste baile que cun dúo musical en vivo, El Barullo.


El Barullo, Arxentina | © Deputación de Pontevedra

Laura Díez é unha bailarina de tango con máis de 30 anos de traxectoria, que combina a súa faceta como artista profesional coa de docente e xestora cultural, impartindo clases e obradoiros e organizando eventos de tango en toda Galicia, así como encontros e milongas para achegar a disciplina a persoas interesadas de diferentes lugares do territorio.


Laura Díez, Arxentina | © Deputación de Pontevedra

E se falamos da danza galega na provincia temos moitas compañías que recollen a tradición para crear vangarda… en perfecta simbiose entre corpo, terra e baile, traen esas raíces ao presente dialogando coa música galega. Neste caso a institución provincial propón a compañía O. C. Danza (Óscar Cobos Compañía de Danza), cunha traxectoria longa xa moi recoñecida e, neste caso, cunha peza moi especial, subversiva e feminista: Bailador, creada coa música de Berrogüeto.

Trátase dunha peza bailada por 9 mulleres en escena, mulleres con diferentes corpos (bailadoras, non bailarinas), nunha coreografía supervisada e guiada por Ivan Villar, Jaime Pablo Diaz e Óscar Cobos .

Por que Bailador? Do 100 % do traballo de campo feito en Galicia en referencia ao baile popular tradicional, nun 95 % das ocasións son as mulleres as que actuaron como preservadoras e transmisoras desta sabedoría. Eles, ou xa morreran ou deixaran de bailar había tempo. Se o noso baile chegou ata os nosos días foi grazas a elas, mulleres eclipsadas da nosa historia que en moitos casos non se atrevían a “levar o baile” por medo a seren rexeitadas ou criticadas no seu círculo máis próximo. Bailador dá conta desta contradición, un nome en masculino levado á danza exclusivamente por mulleres.

Unha homenaxe a todas as que, de xeración en xeración, foron quen de transmitir as formas danzadas que configuran o noso baile en todo o territorio e facendo gala en moitas ocasións de habilidades únicas: desde as portadoras da regueifa da comarca do Xallas, pasando polas bailadoras de Bergantiños cos seus vasos de viño ata as penlas de Redondela. Pode que o noso baile o fagan eles, pero quen o transmite son elas, xa que nós somos porque elas están, e non ao revés.

Óscar Cobos realiza unha perfecta simbiose entre ambas as culturas, trazando pontes coa Arxentina, xa que a súa traxectoria está vencellada co país latinoamericano de forma directa. Bailarín e coreógrafo, fundou en 2012 esta compañía despois dunha ampla experiencia artística, tanto en Galicia como fóra de España. Como profesor de baile viviu e traballou en países coma a Arxentina, os Estados Unidos, Venezuela, Suíza, Alemaña, Francia e o Uruguai. Posteriormente, regresou a Galicia e fundou o seu proxecto de compañía, xa referente na danza de raíz.


Óscar Cobos e Antía Barcia, Galicia | © Deputación de Pontevedra

Ademais, O. C. Danza propón unha transición moi especial vencellando a danza galega coa arxentina, co propio Óscar Cobos xunto a Antía Barcia: Óscar Antía Tango representa a modernidade do tango-danza en Galicia, fusionando elementos deste con elementos da biomecánica aplicada á danza, facendo un uso moi particular do movemento do corpo e dun repertorio musical pouco usual dentro do mundo do tango.

  • Venres 29 de abril (de tarde): diante da sede da Deputación en Vigo, ás 19 h
  • Sábado 30 de abril (de mañá): diante do Pazo provincial en Pontevedra, ás 12 h

Confirmación de asistencia: participa.cultura@depo.gal

Está pasando!