Marta Robles nunha edición anterior da Festa dos Libros | © Festa dos Libros

A Festa dos Libros de Pontevedra abre as súas portas esta fin de semana na Ferraría

6 Xullo 2023

  • Até trece librarías da cidade participan nesta proposta do Pontevedra Verán Fest, convertida nunha das citas culturais máis importantes do seu eido dentro do país
  • Os postos estarán abertos de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.30 horas, agás o domingo que pechará media hora antes

Xa está todo disposto para que mañá, venres 7, dea comezo a sexta edición da Festa dos Libros. Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade, reunirá a máis de 100 autores e autoras que participarán en 92 actividades, tales como presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas, obradoiros, recitais…

Durante tres días, os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas (agás o domingo que pechará media hora antes) e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos postos.

O programa de actividades para este primeiro día dará comezo ás 11.30 horas co contacontos ilustrado ‘Os cen destinos de Vitola. Pequena biografía de María Casares’ que Polo Correo do Vento, xunto co músico Marcelo Dobode, levarán a cabo para a cativada sobre a figura da nosa actriz máis internacional. De seguido, ás 12.30 horas, terá lugar o acto conmemorativo do 25 aniversario da editorial pontevedresa Kalandraka Editora, cun maratón de lectura e ilustración onde destacadas ilustradoras e ilustradores dalgúns dos contos máis coñecidos debuxarán en directo escenas e personaxes dos seus libros, que soarán nas voces de autoras, autores, representantes do eido cultural da cidade, lectoras e lectores.

Xa pola tarde, ás 18.15 horas, os ‘Asuntos de familia’ será o tema da conversa entre Marcos Giralt Torrente (Premio Nacional de Narrativa en 2011, fillo do pintor Juan Giralt e neto de Gonzalo Torrente Ballester) e a xornalista, escritora e guionista Laura Ferrero.

‘Algún día seré recuerdo’ (Anagrama) empeza co intento de reconstruír un antigo recordo prestado, imposible pero fértil exercicio de memoria, e termina coa constatación de que ás veces é preferible omitir algunha verdade para que un relato resulte verosímil. Entre o un e a outra, e nunha nada estrita orde cronolóxica, o libro recolle unha corentena de textos breves escritos por Marcos Giralt Torrente desde o ano 2000. Son artigos e reportaxes de prensa, crónicas de viaxe, dietarios, descricións e fragmentos autobiográficos, reflexións sobre arte e literatura, e tamén estampas familiares e algunha carta, que configuran un compendio das moitas facetas que pode adoptar unha vida dedicada integramente á escritura.

En ‘Los astronautas’ (Alfaguara), Laura Ferrero regresa á novela cunha obra onde os seus pais e ela convértense no xerme dos personaxes literarios dunha historia na que memoria e ficción conflúen; a historia dunha familia que se desfai no momento mesmo en que se funda, deixando aos seus tres integrantes como astronautas flotando sos no espazo. A partir dunha nai que reinventa a historia familiar e unha filla que atopa na fantasía unha vía de escape, e máis tarde, na escritura un modo de comprender e cubrir a brecha entre imaxinación e verdade, Ferrero indaga entón naquilo que non podemos ver, nos intricados mecanismos do esquecemento e a negación, e na necesidade de construír historias para poder seguir adiante a pesar dos traumas e as feridas que se abren, moitas veces, no espazo da intimidade familiar.

A continuación, ás 19.15 horas, será a quenda da sección dedicada ao recoñecemento da traxectoria destacada dun autor ou autora. Nesta ocasión a persoa homenaxeada será a pontevedresa Fina Casalderrey, candidata española ao Premio Hans Christian Andersen, o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo de libros para cativada e rapazada, tamén coñecido como o Nobel da Literatura Infantil e Xuvenil. A escritora Eva Mejuto repasará con ela a súa traxectoria.

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra) dedica gran parte da súa vida á creación literaria e ao fomento da lectura. A etnografía, a gastronomía, o teatro escolar, a poesía infantil e os guións cinematográficos tamén ocupan un lugar importante na súa traxectoria. Os seus libros, sempre escritos inicialmente en galego, tradúcense habitualmente ás demais linguas do estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, inglés, francés, italiano, portugués, córnico, serbio ou chinés. En 1996 logra o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa. Ten no seu haber numerosos premios e distincións como Merlín, O Barco de Vapor, Edebé, Medalla Castelao, Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras, candidata ao premio Astrid Lindgren en tres ocasións, candidata española ao premio Andersen 2024 polo conxunto da súa obra. Desde novembro de 2013 forma parte da Real Academia Galega como membro numerario. Recentemente foi distinguida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa “Letra E” de “Escritora na súa Terra”.

‘Do amor e outros demos’ centrará o faladoiro (ás 20.15 horas) entre Alejandro Gándara (Premio Nadal, Herralde e Anagrama), que tras cinco anos de silencio volve con Primer amor (Alfaguara), e Mercedes Corbillón, unha das libreiras máis reputadas de Galicia grazas ao seu traballo na libraría Cronopios, que debuta coa novela ‘A beleza debe morrer’ (Editorial Galaxia).

Podemos amar despois de que nos romperan o corazón? Cantas veces pódese alguén namorar como a primeira vez? Péchase co tempo a ferida dese amor? A nova novela de Gándara, protagonizada por un mozo que vive a súa primeira paixón, aborda todas estas cuestións: a violencia torrencial coa que chega o namoramento, a falta de recursos do individuo ante a experiencia e a pegada que deixa no resto da existencia. Unha historia de amor e de descubrimento que abarca case cinco décadas na vida dos seus protagonistas e do país. A súa vez, Mercedes Corbillón mostra na súa primeira novela, con crueza e clarividencia, as costuras donamoramento, as súas contradicións e a devastación final, os cascallos do desamor sobre os que unha muller madura ten que erguer unha nova vida, libre e consciente, da que ser a única soberana.

E como en toda festa, a música non pode faltar. A programación desta primeira xornada pechará ás 21.30 horas co trío Muzikanti Balishnik que encherá a Ferraría de músicas do leste de Europa.

Finalmente, nos postos das librarías estarán asinando exemplares dos seus libros Jorge Campos, Perfecto Souto, Rodrigo Rey Falero, María Brenn, Bibiana Candia e Xosé Cobas, Ramón D. Veiga, Estefanía Padullés, Marta Ojea Alonso, María Solar, Adrián Morgade, Héctor Pose, Bea Gregores, Irene Alonso Gasalla, Almudena Santamaría, Rita Mª de la Iglesia Martínez, Fina Casalderrey, Nuria Tamarit, Tamara Andrés, Isabel Porto Collazo e Cristina Vatra.


Está pasando!