Festa dos Maios nas rúas de Vilagarcía | © Concello de Vilagarcía de Arousa

A Festa dos Maios volverá ás rúas de Vilagarcía tras a pandemia coa participación de 41 composicións florais

18 Abril 2022

  • Vilagarcía volverá a celebrar o 1 de maio unha das celebracións populares con maior tradición en Galicia: A Festas dos Maios
  • Tras dous anos das restricións propiciadas polo covid, os vilagarciáns volverán a dar a benvida a primavera elaborando e exhibindo de novo nas rúas as laboriosas composicións florais no certame organizado pola Concellería de Cultura
  • A primeira edición presencial postpandemia conta coa inscrición de dezaseis participantes que presentarán un total de 41 maios

A Festa dos Maios celebrarase como é tradición o domingo 1 de maio no Parque de Miguel Hernández onde, a partir das 11:30 horas da mañá e ata as 20.30 horas, exporanse ao público os traballos florais. Será a partir do mediodía cando os grupos que,a demais doe maio, teñan presentado as típicas letriñas satíricas, as interpreten no mesmo parque. En caso de choiva, a celebración trasladarase á Praza da Pexería.

Os participantes no certame son tanto asociacións, colectivos e centros, como grupos de particulares que se xuntan para a ocasión. Así, este ano toman parte as Anpas dos colexios Arealonga, Doutor Fleming, A Escardia e San Francisco xunto co CEIP de Rubiáns, o Centro EEJ de Rubiáns e a Residencia de Anciáns Divina Pastora, ademais de varios grupos de particulares e persoas a título individual que tamén queren participar nesta ancestral tradición pagán.

Dado que cada participante pode presentar entre 1 e cinco traballos, en base as cinco categorías de maios establecidas nas bases do certame, en total exporanse 12 maios cónicos, 11 artísticos, 6 caixas, 8 cruces e 4 barcos.

Roscas e compensación económica para todos

A Festa dos Maios en Vilagarcía non ten carácter competitivo dende hai anos. Para incentivar a participación e tratar de potenciar esta tradición, a Concellería de Cultura ofrece unha compensación económica a todos os participantes que se axusten as bases da convocatoria, nas que se recolle o uso dos materiais tradicionais e naturais á hora de elaborar os traballos. As axudas económicas oscilarán entre os 30 e os 150 euros en función da categoría do maio, o número de persoas que integran o grupo e de si se acompaña ou non das características letriñas satíricas. Ademais, todos os participantes serán agasallados con rosca.

Está pasando!