‘As mulleres que opinan son perigosas’ regresan os días 5 e 6 de marzo para tomar a palabra nas redes

18 Febreiro 2021

As xornadas ‘As mulleres que opinan son perigosas’, que naceron hai tres anos en Pontevedra da man das xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, en resposta á ausencia de mulleres columnistas invitadas nun debate en León, regresarán os días 5 e 6 de marzo como a mellor antesala ás celebracións do 8M con sete horas de debate e un total de doce relatorios “para tomar a palabra nas redes”, con voces tan recoñecidas como Esther Palomera, Almudena Ariza ou Mar Cabra.

As mulleres xornalistas tomarán a palabra na primeira fin de semana de marzo para ser antesala dun 8M que tampouco este ano vai poder ocupar as rúas e prazas con manifestacións feministas. A falta de manifestacións multitudinarias, alzaremos a voz na rede.

A deste 2021 volve ser unha edición especial e diferente que se desenvolverá a través de Internet á espera de volver reunirnos físicamente en 2022.


Relatoras

A xornalista Susana Pedreira, unha das promotoras do Foro, este ano incorpóranse novos temas e, deste xeito por exemplo estarán presentes a divulgación científica, “que ten máis forza que nunca”, así como o humor, o fotoxornalismo, “porque os e as fotoxornalistas durante o confinamento foron os nosos ollos”; a memoria e os podcasts. Pedreira referiuse tamén ao feito de que a celebración destas xornadas en liña está a permitir a creación dunha “biblioteca de contido on line na que as mulleres, a perspectiva de xénero e no noso caso o xornalismo son os protagonistas”. Deste xeito nesta cuarta edición enriquecerá ese fondo con outras sete horas de contido “que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede nas canles de Youtube tanto da Deputación como do Concello”. Engadiu que ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, que se sumaron á repercusión que tivo a cita nos días de celebración e durante as emisións en directo. “A biblioteca que estamos a crear é como encher 24 veces o Teatro Principal; parécenos interesante seguir agrandando ese contido”.

Pola súa banda, Diana López Varela, que interveu telematicamente trala súa recente maternidade, destacou a presencia entre as relatoras de dúas premios Pulitzer, como son Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e que vai falar do “tecnoestrés xornalístico”, así como de Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón.

O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terán voz xornalistas especializadas no mundo musulmán, como Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas). Estarán tamén as responsables da sección de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Pola súa banda, Pampa García Molina falará de ciencia, e o mundo do humor estará representado por Henar Álvarez, mentres que a primeira correspondente de xénero do diario El País, Pilar Álvarez, falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa de los Monteros do mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria neste ámbito.

O debate poderá seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom a través das webs de ambas administracións (ata o 4 de marzo), no caso de querer intervir e facer preguntas ao remate dos relatorios.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN


PROGRAMA


VENRES 5 DE MARZO

  • 16:45 h Inauguración e benvida

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, xunto con Diana López e Susana Pedreira

  • 17:00 h Mar Cabra

“Do Pulitzer polos papeis de Panamá ao tecnoestrés xornalístico”

Xornalista de investigación. Premio Pulitzer 2017 polos papeis de Panamá

  • 17:30 h M.ª Jesús Espinosa de los Monteros

“O podcast, unha nova forma de contar historias”

Xornalista, directora de Podium Podcast e Podium Studios. Opinión en El País e The Objective. Tres Premios Ondas en 2012, 2016 e 2021

  • 18:00 h Belén López e Montse Fajardo

Cultura e memoria na prensa local”

Belén López é xornalista no Diario de Pontevedra

Montse Fajardo forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres

  • 18:45 h Susana Vera

“Nas trincheiras do fotoxornalismo. A linguaxe propia da imaxe”

Fotoxornalista na axencia Reuters. Primeira española en gañar un Premio Pulitzer de Fotografía (2020)

  • 19:15 h Esther Palomera

“Opinión en zona crítica”

Xornalista, cronista política e analista de actualidade en prensa, radio e televisión. Adxunta ao director de Eldiario.es

  • 19:45 h Peche

SÁBADO 6 DE MARZO

  • 11:30 h Pilar Álvarez

“Novas responsabilidades con perspectiva de xénero”

Xornalista, correspondente de xénero en El País

  • 12:00 h Pampa García Molina

“A ciencia é noticia”

Xornalista especializada en ciencia, redactora xefa da axencia SINC

  • 12:30 h María Obelleiro, María Yáñez e Silvia Carregal

“As mulleres dirixen os novos medios galegos”

Xornalistas, directoras de Nós Diario, Vinte e As Nosas, respectivamente

  • 13:15 h Pausa

17:00 h Ebbaba Hameida

“Voces desterradas. Mulleres en países musulmáns”

Xornalista e vogal de Reporteros Sin Fronteras España

  • 17:30 h Lara Graña e Mercedes Mora

“Elas dirixen a información económica”

Xornalistas, xefas da sección de Economía en Faro de Vigo e La Voz de Galicia

  • 18:15 h Henar Álvarez

“A opinión necesita comedia: un pouco de buenismo bien e algo de mala leche”

Cómica, guionista e presentadora de radio e televisión

  • 18:45 h Almudena Ariza

“O mundo en plano curto. A experiencia dunha correspondente”

Correspondente de TVE en París, antes en Pequín e Nova York. Leva máis de vinte anos como reporteira en medio mundo

  • 19:15 h Peche
Está pasando!