Miguel Anxo Fernánez Lores e Fran Pérez-Miras | © Concello de Pontevedra

A marcha solidaria Pontevedrada reunirá a máis dun millar de persoas co obxectivo de concienciar a toda a sociedade

18 Abril 2023

  • Organizada por Asampo, a cita é xa un clásico que procura promover a doazón de sangue, órganos e tecidos
  • Este 2023 a ruta desenvolverase entre o 29 e o 30 de abril, saíndo desde a Alameda de Pontevedra e finalizando no Obradoiro, en Santiago de Compostela

Convertida e vista xa como un clásico das marchas nocturnas, a Pontevedrada situase como unha das citas máis rechamantes e exitosas á hora de concienciar e captar camiñantes. Esta mañá de martes, 18 de abril, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánez Lores, presentou a edición deste ano acompañado do presidente da Asociación de Amigos de la Pontevedrada (Asampo), Fran Pérez-Mirás.

«A Pontevedrada é unha chamada de atención á sociedade para que se faga doador», indicou o rexedor. «Está na XIII edición, o que quere dicir que segue a medrar, que continúa viva e desde o Concello só podemos agradecer o traballo de Asampo, alma mater desta Pontevedrada, á hora de facela posíbel. Nós colaboramos e apoiamos para que sexa posíbel, pero sabemos que é un traballo complexo».

Este 2023 están xa anotadas para participar na marcha un total de 1.017 persoas. Ao longo de hoxe e do mércores 19 de abril é posíbel aínda encher o formulario de inscrición na páxina oficial do evento. Cómpre lembrar que os dorsais da proba son «completamente artesanais», tal e como indicou o presidente de Asampo, e lle dan un plus á participación á hora de obter unha lembranza persoal e única.

«Queremos dicir que non pode volver a ocorrer o que aconteceu este decembro, cando se paralizaron os quirófanos por falta de sangue. Vén a dicir que estamos suspensos como sociedade e que é preciso facer un tirón de orellas», sinalou Pérez-Miras. «Cantas persoas non logran un transplante? Un 5 %. É pouco, é certo, pero e se é o noso pai? A nosa nai? O noso irmán? É moito. Hai que reducir ese 5 % até o 0».


Está pasando!