A MITCFC afronta a súa 38 edición con dez días de teatro, catro estreas absolutas e un acto de homenaxe a Xosé Manuel Pazos

16 Xuño 2021

O mes de xullo arrancará coa inauguración da 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), que encherá de teatro a vila ao longo de dez días. Entre o 1 e o 10 de xullo, Cangas será escenario de máis de 20 espectáculos co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar do mellor teatro cómico feito dentro e fóra de Galicia.

Na 38 Mostra haberá 4 estreas absolutas, tres delas coproducidas pola MITCFC (‘Isolada’, ‘Abradacaver’ e ‘Cantingjo’), unha estrea en España (‘Espécies Lázaro’) e 9 estreas en Galicia (‘La Xirgu’, ‘Secretos de alcoba’, ‘La señorita doña Margarita’, ‘El viento es salvaje’, ‘Al otro lado’, ‘Comando señoras’, ‘Ritos de amor y guerra’, ‘Water falls’ e ‘A Contenda do Río Miño’). Entre os espectáculos que se poderán ver en Cangas atópanse dous que recibiron en 2020 Premios Max: ‘El viento es salvaje’, Mellor Espectáculo Revelación, e ‘Al otro lado’, Mellor Espectáculo de Rúa.

Presentación da Mostra | © MITCFC

A directora artística da Mostra, María Armesto, explicou no acto de presentación da programación que tivo lugar no Auditorio de Cangas que máis da metade das obras son de compañías galegas e destacou o feito de que este ano “diriximos máis a ollada cara Portugal”. De feito, pecha a MITCFC ‘A contenda do río Miño’, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Compañía de Teatro de Braga, que se estreará no Festival de Teatro de Almagro para, despois, vir representarse a Cangas.

Esta edición da MITCFC, cuxo cartel é obra do pintor, ilustrador, actor e director teatral Leandro Lamas, comezará o día 1 de xullo coa inauguración dunha exposición documental e unha homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, alcalde de Cangas finado en xaneiro deste ano. Trinta e oito anos despois de que Pazos, xunto a un pequeno grupo de persoas con xiria, idease e crease esta Mostra, “queremos facer un recoñecemento á súa persoa e ao seu labor, a través dunha sinxela homenaxe composta por unha exposición documental e un acto lúdico no que estarán presentes as artes que tanto amou, teatro, danza, poesía, música… e a súa xente”, explica a organización.

Silda Alfaro, vicepresidenta de Xiria, explicou as actividades paralelas que complementan a programación da Mostra desde os seus comezos. Destacou, entre outros,  a conmemoración dos 25 anos de Teatragal, un espazo de reflexión, de diálogo e de intercambio de experiencias entre Galicia e Portugal. Estes encontros propiciaron e favoreceron posteriores proxectos compartidos e experiencias comúns que durante anos contribuíron á consecución dunha maior irmandade teatral. 25 anos despois, a Mostra será anfitrioa dun novo Encontro “que nos permita retomar ese espaz común de diálogo e de reflexión”.

O pregón, que se celebrará o venres 2 de xullo, correrá a cargo do actor Fran Paredes. Nado en Moaña aínda que  veciño de Cangas desde hai anos, Paredes traballou en numerosas obras de teatro, así como en cine e televisión, con intervencións nas serie ‘O Faro’, ‘Fariña’, ‘El desorden que dejas’ ou ‘O sabor das margaridas’.

A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en recoñecemento “ao seu importante labor” como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral en xornais e medios de comunicación de Galicia e co que demostrou, ao longo de tantos anos, “un empeño extraordinario por dignificar o teatro galego”.

MULLERES EN ACCIÓN

As Xornadas Mulleres en Acción chegan este ano á súa 21 edición cunha programación que tratará, un ano máis, de potenciar e dar visibilidade ao traballo das mulleres dentro da cultura e, en concreto, das artes escénicas. Os actos inclúen exposicións, obradoiros e charlas-coloquios. Este ano, a organización decidiu outorgarlle o Premio Mulleres en Acción a Margarita Ledo Andión, en recoñecemento ao seu labor como escritora, cineasta, investigadora e docente. A organización da Mostra concédelle esta galardón “por apostar, no ámbito académico, por una educación en comunicación audiovisual con perspectiva de xénero. E, como cineasta, por utilizar o ollo da cámara ao servizo do corpo e da realidade das mulleres”.


Está pasando!