Cadro da exposición ‘Acción Laxeiro’ | © Concello de Vilagarcía de Arousa

A obra de Laxeiro chega a Vilagarcía a través de dous cadros do pintor e fotografías de Xurxo Lobato

17 Xaneiro 2023

  • ‘Acción Laxeiro’, a exposición sobre o pintor lalinense organizada pola Real Academia das Belas Artes para conmemorar o Día das Artes Galegas, chegou onte a Vilagarcía de Arousa.
  • Esta orixinal mostra comisariada polo fotoxornalista e membro da Academia de Belas Artes, Xurxo Lobato, amosa, non só obras do que un dos artistas plásticos contemporáneos máis relevantes e recoñecidos de Galicia, se non tamén, o proceso de creación deses cadros.
  • A mostra itinerante inaugurouse onte na sala de exposicións do Auditorio Municipal coa presenza do alcalde, Alberto Varela, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente Academia de Belas Artes, Manuel Quintana, a concelleira de Cultura, Sonia Outón e o comisario da mostra e fotógrafo, Xurxo Lobato. Poderá visitarse ata o 17 de febreiro.

Inauguración da exposición ‘Acción Laxeiro’ | © Concello de Vilagarcía de Arousa

Como o seu propio nome indica, ‘Acción Laxeiro’ mostra a Laxeiro en plena acción así como os resultados finais desa actividade. E os ollos a través dos que se exhibe esa faceta case sempre descoñecida da creación artística son os do propio comisario da mostra, Xurxo Lobato, que recrea detalle a detalle o proceso de creación de Laxeiro en dous momentos concretos: cando pintou o cadro de gran formato ‘Aparición’ e cando elaborou unha obra para o libro ‘Galegos na escaleira’.


Fotografías da exposición ‘Acción Laxeiro’ | © Concello de Vilagarcía de Arousa

Lobato retratou a Laxeiro neses dous momentos tan especiais. O primeiro, tivo lugar en abril de 1987 na galería ‘Trinta’ de Santiago de Compostela, onde o pintor de Lalín accedeu a pintar en directo e ante numeroso público un cadro. Titulouno ‘Aparición’ e é o óelo de 176×146 centímetros que se poder ver no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Xunto a el, as imaxes de Lobato que recollen ese fito.

E o segundo momento, foi uns anos despois, en 1993, no domicilio do artista en Vigo, e mentres este pintaba a obra a incluír na publicación que a Fundación Caixa Galicia estaba preparando sobre destacados galegos e galegas de renome e que o propio Lobato ía a ilustrar coas súas fotografías.

Está pasando!