Orquestra Vigo 430 | © OV430

A Orquestra Vigo 430 presenta o concerto ‘Múltiples resonancias’, interpretado polo Múltiplensemble en simbiose co Ensemble Vigo 430

17 Xaneiro 2023

A Orquestra Vigo 430 presenta o cuarto concerto da súa tempada 2022/23 co programa que lle da o seu título: ‘Múltiples resonancias’ que estará interpretado polo Múltiplensemble en simbiose co Ensemble Vigo 430.

Un discurso sonoro e visual que profundiza na tímbrica da música de nova creación e minimalista, con obras de Koh, Gaspar, Zeller, Cernowin, Glass, Adams, Reich e Andriessen.

Rafael Yebra (saxofóns), Manuel Cebrián (guitarra eléctrica), Brenda Vidal (piano) e David Rodríguez (percusión).

Colabora: Juanma LoDo (artista visual).

Entradas anticipadas á venda desde 10 euros en ticketrona.com



I PARTE

Emily Koh (Singapur, 1986) profesora de composición na Escola de Música Hugh Hodgson da Universidade de Georgia. A súa música caracterízase por explorar pequenos detalles do son. En Chronoma (2019) de croma (color) e cronos (tempo) retrata a exploración das cualidades sonoras tímbricas, texturais e espaciais a través de diminutas expansións sobre frases melódicas.

Jacobo Gaspar (Mos, 1975) doutor pola Universidade de Oviedo, na actualidade é profesor no CSM de Vigo. A súa obra parte da modernidade e do paradigma que esta define, no que se reformula a relación son-música, algo do que se deriva unha expansión dos medios e das técnicas instrumentais, novas liñas de traballo con intérpretes e unha concepción da escoita dirixida a ensanchar a experiencia perceptiva.
A partitura Resonancias Arbóreas (2019) para saxofón barítono e percusión foi estreada por Múltiplensemble no Festival Resis 2019, onde o compositor escribía:

“A fisicidade de “Árbore” de Manolo Paz e o sentido trascendente que José Ángel Valente amosa en “Elegía, el árbol” son o xermen de “Resonancias arbóreas”. A árbore de M. Paz moldea un material pétreo que aspira a ser orgánico. Este sentido ascendente, no poema de J. A. Valente, ven delimitado por unha elevación ao mundo invisible; polo paso do mundo sensible ao trascendente. Escoitar a resonancia do son sitúanos no límite do mundo sensible. Un espazo onde a materia e aquilo outro que trascende a súa existencia conflúen.” –  Jacobo Grandal

Fredrik Zeller (Alemaña, 1965) Por decisión expresa do compositor non se contempla ningunha referencia biográfica. Sobre a peza GeteiltesLiedisthalbesLied_DasOriginal (2019) o autor indícanos:

“Geteiltes LEId ist halbes LEId” é un proverbio alemán que significa: Si falas con alguén do teu sufrimento sufrirás só a metade. Cambiando as verbas a “Geteiltes LIEd ist halbes LIED” convértese nunha “A canción dividida na metade da canción”. Tiven esta idea fai  10 anos e resultou unha canción elemental moi popular que me perseguiu durante algúns anos da miña vida.” – Fredrik Zeller

Chaya Cernowin (Israel, 1957) profesora na Universidade de Harvard, é unha das compositoras máis destacadas no panorama internacional actual como así o acreditan os numerosos premios, colaboracións con importantes orquestras, ensembles internacionais e gravacións. Sobre Sahaf (2008) a compositora escribía:

“Sahaf é parte do ciclo ‘Shifting Gravity’ no que exploro as leis da física e a súa realización física dun xeito lúdico. En ‘Sahaf’ coa súa inusual instrumentación, unha ‘ráfaga’ de incidentes selectivos paralelízase cada vez máis ata que todos os instrumentos imaxinan conxuntamente o poderoso xiro dun cascabel de trinquete sobredimensionado. “– Chaya Czernowin

Unha música acentuada por un elevado grado de vitalidade, chegando por momentos a ser visceral ou incluso salvaxe.

II PARTE

1+1 for One Player & Amplified Table-top (1967) de Philip Glass (Baltimore, 1937) escrita tal e como indica para un músico e táboa amplificada na que o intérprete determina a duración das progresións resultando a peza cunha indeterminada duración.

China Gates (1977) para piano foi composta polo norteamericano John Adams (Massachusetts, 1947) como froito da experimentación con ritmos e modos. Escrita como un palíndromo casi perfecto, divídese en tres partes nun movemento continuo que reflexa a chuvia constante. Este é o que nos conta o propio compositor sobre esta partitura:

“China Gates foi escrita para xoves pianistas e emprega os mesmos principios que Phrygian Gates, sin recorrer a efectos de virtuosismo. Tamén oscila entre dúas palabras modais, só que o fai con extrema delicadeza. Agora paréceme unha peza que chama a atención sobre os detalles da escuridade, a luz e as sombras que existen en medio”. John Adams

Electric Counterpoint (1987) de Steve Reich (New York, 1936) foi escrita para coñecido guitarrista Pat Metheny. A partitura pode presentarse na versión para guitarra eléctrica e cinta na que se inclúen dous baixos eléctricos e ata dez guitarras, e outra para conxunto de guitarras que ofrece similitudes con New York Counterpoint do mesmo compositor. Nesta música subxacen tres elementos vitais na música de Reich, o jazz, a electrónica e o minimalismo. Este último considerado como unha música experimental que xorde en torno aos anos 60 nos Estados Unidos. Músicas construídas a partir da repetición constante de pequenas frases a modo de loops dentro dunha consoante harmonía que xera unha ilusión acústica e tímbrica no devir do tempo.

Hout (1991) escrita polo holandés Louis Andriessen (Utrech, 1939- 2021) sigue un estrito estilo de canón nas catro voces á distancia de tan só unha semicorchea resultando máis unha melodía ao unísono cun diley múltiple. Un cúmulo de ramificacións que parten dun tronco común o que axuda a contextualizar o nome hout, traducido como madeira dende o holandés.


Está pasando!