Presentación da XIV Pontevedrada | © Concello de Pontevedra

A Pontevedrada partirá o vindeiro 27 de abril con máis de 1.100 persoas inscritas para visibilizar a doazón de sangue, tecidos e órganos

23 Abril 2024

  • A organización contará nesta marcha cun DESA, un novo dispositivo adquirido polo colectivo, e aumentará o equipo sanitario que participa na andaina
  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo ofrecerlles os seus parabéns a ASAMPO por continuar co seu labor e manter a chama prendida á hora de fomentar as doazóns altruístas que salvan milleiros de vidas cada ano

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este venres, 19 de abril, na presentación dunha nova edición da Pontevedrada, a principal marcha solidaria da Boa Vila cuxo principal obxectivo é concienciar á poboación sobre a importancia que ten para todos a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.

Clásica e ben coñecida en Pontevedra, a Pontevedrada é unha marcha nocturna e ininterrompida a pé, de 67 quilómetros, a través do Camiño de Santiago Portugués, desde a cidade de Pontevedra ata a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.

O rexedor lembrou que esta será a edición número catorce, desde que se comezou a organizar. Acompañado do presidente de Asampo (Asociación de amig@s de la Pontevedrada), Fran Pérez, Fernández Lores quixo destacar o labor realizado polo colectivo a través dunha cita que, nesta ocasión, sairá da praza do Concello o vindeiro 27 de abril.

«Este ano partirán 1.154 persoas, máis que no ano pasado, e que só pode ser definida como unha cifra importantísima», explicou. «Colaboramos co evento de xeito activo, ofrecendo un dispositivo que garanta a súa saída de Pontevedra e tamén co aluguer de dous autobuses nodriza para recoller a toda esa xente que por calquera motivo non poida continuar o traxecto e queira regresar ou chegar até Compostela».

«É fundamental doar sangue, tecidos e órganos. Que sexamos un dos países que máis doantes ten é grazas ao traballo dos voluntarios como Asampo, que fomentan e visibilizan este tema», finalizou o rexedor.

Pola súa banda, Fran Pérez explicou que «non é unha edición máis, pois todas as edicións son especiais» ao falar da Pontevedrada. «Este ano ademais contaremos cun DESA (Desfibrilador Externo Semiautomático), que levaremos durante todo o traxecto para seguridade de todos e todas e que agardamos que non faga falta, pero que aí teremos».


Está pasando!