A Semana da Creatividade e a Innovación porá o foco na preservación do medio ambiente

12 Abril 2022

Obradoiros sobre limpeza ecolóxica ou cerámica, unha mesa redonda sobre emprendemento e sostibilidade, a elaboración dun lenzo colaborativo, un concurso de fotografía en Instagram ou unha nova edición dos Premios CREA insírense na programación da Semana da Creatividade e a Innovación, promovida pola Vicerreitoría co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e que se desenvolverá no campus entre o 18 e o 22 de abril.

Da cerámica á limpeza ecolóxica

A programación da Semana da Creatividade e a Innovación 2022 abrirase o luns 18 na Escola de Enxeñaría Forestal co obradoiro ‘Limpeza ecolóxica’, dirixido a “facer fincapé en diferentes actuacións que podemos levar a cabo no ámbito doméstico para o aforro de recursos” e que se completará coa elaboración artesanal de xabóns e de produtos de limpeza ecolóxicos. Ao día seguinte, a escola acollerá o taller ‘Mellorando a contorna dende o fogar’, dirixido a achegar “unha serie de consellos ecolóxicos para hortas ou xardíns”, completándose a actividade coa confección de niños para andoriñas e elementos para evitar que as aves batan contra as ventás. Ambos obradoiros correrán a cargo do biólogo e educador ambiental Manuel Domínguez e manteñen aberta a súa inscrición ata 12 de abril a través do correo dir.crea.po@uvigo.es. Por outra banda, nestas dúas xornadas, a EE Forestal acollerá tamén unha mostra sobre sostibilidade, dirixida tamén dar a coñecer diferentes accións que poden levarse a cabo, como explica Souto, “no día a día” para contribuír á preservación do medio ambiente.

A sostibilidade é tamén un dos eixos do obradoiro ‘Máis cerámica, menos plástico’, que o mércores 20 e o venres 22 imparte na Facultade de Belas Artes a artista e ceramista Teresa Pece e que porá o foco no potencial da cerámica como alternativa para reducir o uso de plástico na produción de utensilios de uso cotián. As inscricións para este taller poden realizarse tamén ata o 12 de abril, a través do correo xnaxcdba01@uvigo.es. Por outra banda, o xoves 21, entre as 9.00 e as 12.00 horas, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá un obradoiro de arte colaborativo, no que se convida a calquera persoa interesada a sumar as súas achegas a un lenzo que, como explica Souto, proxéctase que estea vinculado tamén “á sostibilidade e o coidado do medio”.

Emprendendo cos pés na terra

A semana pecharase o venres 22 coa mesa redonda ‘Emprendendo cos pés na terra’, que reunirá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte as experiencias dunha serie de empresas ligadas tamén “a unha xestión o máis sostible posible”. Moderada pola directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade, Maruxa Álvarez, contará coas intervencións de Pablo Guillán, de Dooroti; Joana Saavedra, de Bam.bu Bicycles; Marta Álvarez, de Vi&Go; Juanjo Rodríguez, da Academia TecnifícaT, e Alejandro Sierra, de Iniqual. Tamén participará nesta actividade, programada para as 11.00 horas, Ricardo Fra, fundador de Saraiva, Activiza! e Envita, quen abordará a súa experiencia como emprendedor no sector sociosanitario orientado ás persoas maiores. Rematada esta mesa, a partir das 12.30 horas, Bam:bu Bicycles levará a cabo diante da facultade unha actividade que permitirá probar as súas bicicletas elaboradas con materiais respectuosos co medio ambiente.

Levar a creatividade a Instagram

Tamén dentro desta programación impulsada co apoio do Consello Social, a Vicerreitoría puxo en marcha un concurso de fotografía en Instagram, que ten como tema a creatividade. Ata o 22 de marzo permanece aberto o período de participación nesta iniciativa, aberta a calquera persoa maior de 13 anos, que deberá rexistrarse nun formulario web para logo compartir co cancelo #creaS2i2022 as súas fotografías de “todo aquilo que relacionen coa creatividade, en especial cos seus valores de innovación”, como recollen as súas bases. “Pensamos que é unha boa forma de que o alumnado participe na vida universitaria, facendo algo para compartir con todos”, salienta Souto dun certame “no que non buscamos fotógrafos profesionais”, senón aproveitar “o formato moi inmediato de Instagram” para reunir diferentes visións arredor da idea de creatividade “no seu sentido máis amplo”. De entre todas as fotografías, o xurado elixirá un máximo de dez imaxes, entre as que se seleccionarán as gañadoras de tres premios consistentes en cheques por valor de 200, 150 e 100 euros para material formativo e educativo.

Así mesmo tamén se insiren nesta programación os II Premios CREA-Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer as obras realizadas por estudantes de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento englobados no proxecto de especialización do Campus Crea. O prazo de presentación de propostas a este certame, no que se outorgarán tres premios de 1500, 1000 e 500 euros, permanece aberto ata o 29 de abril.

Programa da Semana da Creatividade e da Innovación 2022

Está pasando!