A Semana de Cine Submarino UVigo acada a súa 31ª edición recuperando as sesións matinais para escolares

13 Outubro 2022

Logo de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia, as proxección matinais dedicadas ao alumnado de centros escolares regresarán á 31ª edición da Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo.

Entre os días 8 e 10 de novembro sucederanse no Teatro Afundación de Vigo as proxeccións de producións locais e internacionais, entre as 10.00 e as 12.00 horas para as e os escolares e a partir das 20.00 horas para o público en xeral.

Con entrada libre e gratuíta, a Semana de Cine Submarino é unha iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, destinada á concienciación e preservación dos mares, razón pola que a organización valora de xeito moi positivo a recuperación das proxeccións para o público escolar, facilitándolle así o achegamento ao mundo mariño, así como ao ODS 14 da Axenda 2030 de conservación dos océanos, mares e recursos mariños, de xeito sostible.

Mantense a estrutura das sesións de tarde 

Un ano máis a Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo achegará durante tres días ao público asistente destacadas producións audiovisuais, tanto locais, como internacionais, ás que seguirá cada unha das xornadas un debate no que participarán realizadores, persoal investigador e divulgadores mariños.

A 31ª Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo conta coa colaboración de Afundación, Obra Social Abanca.


Ciclo de cinema submarino

A Universidade de Vigo coordina e organiza a Semana de Cine Submarino de Vigo, que na actualidade é un acontecemento cultural de primeiro nivel na cidade e referencia obrigada para os amantes do mar e do cine

A primeira edición da Semana de cine submarino de Vigo remóntase a 1985. Neste longo percorrido, dende os océanos máis profundos, a biodiversidade das rías galegas ou as augas continentais, foron moitas as temáticas tratadas nos documentais proxectados. Todas elas relacionadas co mundo submarino e coa biodiversidade acuática.

Dende a universidade apostan polo estudo e pola preservación deste tesouro que ano tras ano sae á luz grazas a este evento. O coñecemento dese contorno e a experiencia da súa beleza han de afoutar a nosa relación con este medio natural para preservalo e coidalo, transmitíndollelo así ás novas xeracións que cos seus colexios asistirán ás actividades que teñen programadas para eles.

Está pasando!